O borracho que quería ser místico

borracho1X. Ricardo Losada. Teño predilección polas anécdotas que desmitifican a personaxes famosos e, moi especialmente, polas de filósofos que van de ascetas e viven con gran concupiscencia. Encantaríame que fose verdade, por exemplo, que Platón morreu dunha enchenta na voda dun amigo. Que un tipo coma el, que dicía que a alma do filósofo debe moderar as paixóns, morrese aos 80 anos dun exceso dese tipo, é unha boa noticia para quen negamos que existan seres humanos anxelicais. De feito (agardo que os alumnos non o noten), cada vez que explico a súa teoría da Illa dos Benaventurados, o paraíso dos filósofos, a onde só irán os que viviron na pureza, non podo evitar rir por dentro con certa crueldade, pois imaxínoo colorado e papudo e suando e dándolle ao dente nese último banquete, tan pouco merecedor, segundo o seu criterio, desa Illa paradisíaca.

     O mesmo me pasa con outro dos meus filósofos preferidos, Plotino, un discípulo de Platón que viviu seis séculos despois. Así como hoxe hai xente máis papista que o Papa, Plotino quixo ser máis platónico que Platón. E xa que o mestre cría que o corpo era o cárcere da alma (pero non renunciou a el, mesmo practicaba deporte), Plotino afirmou que lle gustaría ser un espírito puro e avergonzábase de ter corpo, pois considerábao unha copia pésima do que realmente importa, xa que é eterno, o espírito. Cando un amigo lle pediu que se deixase retratar por un pintor, indignouse e díxolle que xa era triste ter ese corpo no que a natureza o encarcerara, como para facerlle unha copia aínda peor. Non quero que me recorden con cadros ou estatuas, dixo, eu só son espírito. Ao principio pareceume a típica resposta do iluminado que vai pola vida de sublime, pero cando souben que aos oito anos (e seguro que máis adiante), aínda ía á casa da ama de cría a mamarlle a teta, non puiden evitar convertelo (porque el mesmo conta a anécdota) nun dos meus filósofos preferidos.

 PlotinoENeoplatonismo1    Sabe quen me le con frecuencia que non entendo a literatura e a filosofía se non podo aplicalas á miña propia experiencia. Pois, a pesar do tema, este artigo non vai ser unha excepción. A min tamén me pasou algo parecido ao que lle pasou a Platón e a Plotino. Estiven toda a adolescencia e a primeira madurez sen probar o alcohol e sen fumar, e collín fama de asceta. Os meus compañeiros do C.D.Unión mesmo estaban dispostos a pagarme o carné de conducir para que levase o coche cando iamos de troula. Unha noite, xa tiña 25 anos, pero non recordo por que, tomei un martini e outro e outro (tres case seguidos), e collín unha boa. E o peor era que tiña que xogar un partido de fútbol, daqueles maratóns de 24 horas que se xogaban nos 80, ás dúas da mañá en Laíño. Puxéronme de suplente e cando saín ao campo cambaleando, as risas dos compañeiros e do público foron tan crueis como as que eu lle deparara (pero na distancia dos séculos) a Platón e a Plotino cando souben as anécdotas que acabo de relatar. Non recordo o resultado do partido nin se durei moito no campo. Pero si recordo que, mentres seguía como un zombi o balón, cun malestar xeral que ata me doe no recordo e o vómito ascendendo pola gorxa, desexei, como nunca na vida desexei outra cousa, ser un espírito puro.

3 comentarios en “O borracho que quería ser místico

  1. Después de la notable y ocurrente respuesta de la profesora Carmen a ” Unha resposta a o borracho que quería ser místico “sólo me resta decir referente a Platón que, en este caso, el gran filósofo disfrutó como en las bodas de Camacho. Decía Fray Luis de León ” A mi, una pobrecilla mesa, de amable paz bien abastecida, me basta”. Se ve que para Platón esa mesa, – la del santo – era demasiado chica.
    Pero, como Platón tenía una forma de pensar muy positiva hacia la mujer. ¡¡ Viva Platón y el articulista !!
    Saludos palmeiráns.

  2. Tres comentarios rápidos:
    1- A min tamén me gustaría ser un espírito puro, pero durante os anos que levo con el collinlle tanto cariño ao corpo (ata se lle colle a unha mascota!) que estaría moi disposto a darlle unha segunda oportunidade na outra vida, incluso a este de agora. Xa non che digo ao que tiña con 20 anos.
    2- Coincido co teu amor pola ciencia (aínda que habería que puntualizar moitas cousas) e co teu escepticismo coa filosofía (por iso uso o humor e a ironía), pero sempre que consideremos ese escepticismo como unha forma valiosísima de coñecemento para os problemas que de verdade importan (familia, amigos, amor, política…), eses que non se resolven con calculadora.
    3- Eu tamén creo que o Absoluto se busca na interioridade, pero nesa interioridade debemos atopar os demais seres humanos, non a Deus. Se convertemos os seres humanos nun “absoluto”, Deus aparecerá de seguido, pois, como dicían algúns teólogos medievais, Deus é o que se esconde.
    4- Tanto os sofistas clásicos como os actuais merecen un textiño. Veremos que se pode facer.
    Saúdos agradecidos

  3. Mi mayor aspiración es ser un espíritu puro, pero cuando me llegue la hora. Mientras tanto, trato de mantener en la mejor forma posible la dualidad espíritu-materia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *