Ghadi, de Amin Dora

ghadiXerardo AgraFoxo. Estamos diante dunha película do modesto cine libanés, de onde nos chegou hai uns anos dúas curiosas obras –Caramel (2007) e E agora a onde imos? (2001)– de Nadine Labaki. O director de Ghadi é un debutante, Amin Dora, pero o protagonista, Georges Khabbaz, tamén autor do guión, é unha celebridade no seu país. O filme, candidato aos Premios Óscar no 2014, garda certas semellanzas con Amelie, de Jean Pierre Jeunet, e Os Xoves Milagre, de Vittorio de Sica. En Ghadi, cóntase a historia de Leba, un profesor de música que vive nun arrabalde dunha cidade costeira. Despois de casar coa súa noiva da infancia, Lara, ten dúas fermosas cativas, Yara e Sarah. Cando ela volve a quedar grávida, os médicos advírteno de que seguramente o neno terá que recibir coidados especiais. A decisión que tomará Lara traerá inesperadas consecuencias dentro do tradicional barrio onde transcorre a súa vida. ghadi2O neno, Ghadi, que nace cunha trisomía, é dicir, cun síndrome de Down, pasará a meirande parte das horas proferindo berros dende unha ventá da súa casa. Entón o pai, para evitar un conflito cuns veciños cada día máis anoxados e impedir que o cativo sexa internado nun centro de educación especial, atopará unha saída que semella xenial.

Unha comedia costumista, unha historia que xoga cos sentimentos e crenzas dos habitantes dun arrabalde, onde todos se coñecen, todos se espreitan e, por tanto, as rexoubas son constantes. Unha película entrañable, divertida e optimista.  E que vén dun lugar que sempre lembramos polas malas noticias.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *