De viúvos e viúvas

viúvosFrancisco Ant. Vidal Blanco. O amigo Xulio acostuma ir a un centro social onde, ademais dunha biblioteca, audioteca, videoteca e outras tecas hai unha ludoteca na que cada tarde se reúnen os maiores para botar a súa partida de cartas, sempre máis viúvas ca viúvos, e iso a pesar de que o varón, por definición é máis forte, robusto e duro cás mulleres. Mi tía María, moi devota ela, dime que é porque a providencia así o dispón, por dúas razóns fundamentais, para que elas coiden deles na vellez, pois os homes temos fama de abandonados, e tamén porque as viúvas non teñen problemas para rezar polos seus finados, cousa que o varón descoida bastante. E debe ser certo, porque na miña parroquia, cando a campá chama para a misa da tarde, as rúas que desembocan no adro énchense de mulleres.

Pero como sempre hai un as para un tres, don Pedro, o meu médico de cabeceira, ou de familia, ou do Sergas, con quen comento este asunto, fálame de hormonas, hábitos, e outras cousas que inflúen na confección da pirámide poboacional de calquera país do mundo, onde sempre é a muller quen ten unha esperanza de vida de ata cinco anos máis como media. E como non entendo destas cousas da bioloxía, fálame dun amigo seu que traballa con ratos por aquilo de ver que cremas, xaropes e dietas nos rexuvenecen, quen asegura que os humanos son a única especie na que un sexo ten vantaxe sobre o outro no que a lonxevidade se refire.

Pola parte que me toca, preguntei aquí e alá como pode ser iso de que ademais dunha costela nos quiten anos, e si, segundo parece o problema interésalle a máis xente que anda pasando información dunha universidade a outra (din as malas linguas que financiadas polas aseguradoras) sobre estatísticas e cousas polo estilo, ata confirmarse a evidencia: nas ludotecas dos centros sociais hai máis viúvas ca viúvos porque xa, desde que nacen, elas teñen máis esperanza de vida, que ata en lugares onde houbo andazos, problemas de alimentación ou insalubridade, se demostrou que o xénero feminino, tanto nas idades infantís como nas senís, aguanta mellor tales azoutes; aínda que non todo sexa tan de cor de rosa como parece, que por exemplo, o risco de padecer alzhéimer é maior nas mulleres ca nos homes, ou que as mulleres son máis propensas a sufrir algunha enfermidade relacionada cos ósos.

Mais, xa sexa por cederlle o paso ou o asento a súa resistencia queda demostrada no feito de que cando os expertos se poñen a buscar ata onde chega o límite de idade, encontran que o noventa por cento das persoas centenarias son mulleres, o que confirma a discriminación que a natureza opera contra os varóns, reafirmada na ludoteca esta a onde vai o amigo Xulio, as viúvas son quen escollen ós compañeiros de partida, ó compañeiro de asento no autobús das excursións organizadas, e ata ó presidente do club social, que sempre é un home.

É o valor do escaso, o valor que nos queda ós varóns, que de calquera xeito xa sabemos que teremos quen nos coide, e elas terán a quen coidar, en corpo e alma.

2 comentarios en “De viúvos e viúvas

  1. Querido Francisco : En tu estupendo artículo ” De viúvos e viúvas ” te preguntas como además de que os quitan una costilla también os robamos años .
    Tienes que darte cuenta que un pintor o un escultor antes de empezar su OBRA hace el boceto.
    Espero me perdones la maldad.
    Besiños palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *