Elisa Lobeira. Por sorte son máis cada mes que pasa para os estudos sobre o exilio da Guerra Civil, a nivel galego e a nivel hispánico e, para o caso das mulleres, en castelán, hai xa bos libros de Antonina Rodríguez (Mujer y exilio, 1999) e doutras estudosas da resistencia, como son os casos de F. Román Alfaro (El silencio roto: mujeres contra el franquismo, 1994) e Tomasa Cuevas Gutiérrez (Mujeres de la resistencia), sen esquecer os traballos de P. Domínguez Prats (Voces del exilio. Mujeres españolas en México, 1939-1950, 1994) e o volume Nuevas raíces. Testimonios de mujeres españolas en el exilio (México, 1993). Para Galicia un nome de referencia é o de Aurora Marco, pero tamén Neira Vilas publicou semblanzas de exiliadas galegas (Virginia Pereira, a muller de Castelao, Maruxa Seoane), pero falta un libro de fácil acceso que reúna as semblanzas de tantas das nosas no desterro: Xesusa Prado, Lucía García, Mireia Dieste, Carmen Muñoz, Gloria Pérez Corrales, Jovita Pérez González, María Araúxo, Amparo Alvajar, Syra Alonso (da que se editaron os Diarios en 2000), Dora Carcaño, Concha Castroviejo, Asunción Concheiro, Xaquina Dorado Pita, Dolores Miramontes, Jacinta Landa, Isabel Gómez, Mercedes Núñez Targa, Carmen Parga, Isabel Ríos, María Valverde, María Victoria Villaverde ou María Tobío. De varias publicáronse os seus testemuños e sobre outras hai xa algúns estudos, pero moito que saber e moito que divulgar para desfacer o dano á súa memoria. É verdade que entre todos eses nomes non citei ás dúas exiliadas máis famosas: a pintora Maruja Mallo e a actriz que chegou dende Galicia a figura do teatro e cine franceses, María Casares (que non precisa do “asunto Camus” para a súa gloria). Autora dunhas memorias, Residente privilegiada, non volveu nunca á Galiza territorial pero reencontrouse coa Galiza do exilio arxentino en 1957: Seoane, Blanco-Amor, Tacholas, Virginia Pereira, Valenzuela, Rei Baltar, Laxeiro e outros moitos galegos vírona actuar en Bos Aires, fixéronlle unha homenaxe e onde recoñece o seu amor por rosalía e Curros e chora cando recita na radio o poema do poeta de Celanova “A Coruña”. Todo isto está ben contado nunha biografía breve, ben escrita e áxil de Arantxa Estévez (A Nosa Terra, 1999). Agora que crebou a editorial aínda se ve nos saldos e nas librerías de lance.