A poesía tráema frouxa

gideFidel Vidal. Os apuntamentos que seguen son tirados do Diario (Journal) de Gide (selección, tradución e prólogo de Laura Freixas, 2004). Sorprendéronme en especial aqueles referidos a Paul Valéry, o autor de Monsieur Teste (quen tamén “receaba da literatura e dos traballos máis precisos da poesía”) e que, talvez despois dun curto repaso por eles con aires contiñeiros, me sirvan para comprender mellor esa excelente e singular obra. Malia a manifesta homosexualidade, ou por iso mesmo, Gide compárase (ou identifícase) con Edipo. Contrae matrimonio coa súa curmá Madeleine (dous anos maior) que para el supón casar cunha reprodución da súa propia nai. Das primeiras observacións sobre o amor da curmá di que lle fai revivir o espírito de Anna Shackleton, a institutriz de Gide e moi amiga da nai. “Cantas veces estando Madeleine no cuarto do lado, confundina coa miña propia nai!”. Ao respecto é axeitada esta cita de Lacan: “Obstinadamente, as dúas imaxes, a da nai e a da muller amada, aínda sendo tan diferentes, para Gide ambas superpóñense” (Écrits).

Se Marc Allégret representou o seu amor pasional e Madeleine a amada esposa, o gran amigo da alma, a quen admiraba profundamente, non foi outro que Paul Valéry. En máis dunha ocasión, dado que Gide non contaba nin “con doce bos lectores” en toda Francia (estamos a falar de 1898), Valéry reprochoulle que estendía as súas redes “demasiado baixas.”

(1922, 30 de decembro) “Atopo a Valéry na casa da editora e libreira Adrienne Monnier. Vese molesto, e mesmo exasperado pola falsa situación na que o colocou o seu éxito.

fide2-Queren que represente a poesía francesa. Tómanme por un poeta! Pero a min a poesía tráema frouxa. Só me interesa por carambola. Escribín versos por casualidade (…) Para min non teñen ningunha importancia. O que me importa creo que puidera dicilo, que podería dicilo se tivese tempo e tranquilidade… pero non me pertenzo. A vida que levo suprímeme.”

Así se expresa quen pariu nada menos que Le cimetière marin!, publicado por primeira vez na Nouvelle Revue Française o 1 de xuño de 1920.

(1923, 2 de xaneiro) “Cea na casa dos Valéry. Paul fala dos seus tedium vitae, que por momentos transfórmanse en sufrimento físico… É un estado no que se atopa, di, nove de cada dez días. Recoñece que esa angustia remitía completamente cando viaxaba, en particular a Inglaterra. Exclama:

-Ah, só con que tivese suficiente diñeiro para non preocuparme de escribir nunca máis!…”

(1929, 28 de outubro) Onte, visita de Valéry a Gide. Nada máis entrar repite que, desde hai varios anos, non escribiu nada que non fose por encarga e apremado pola necesidade de diñeiro.

-Queres dicir que desde hai moito tempo non escribiches nada por simple e propio pracer? –pregúntalle Gide.

valery-Por pracer? –repite-. Pero se o meu pracer consiste precisamente en non escribir nada. Faría outra cousa, e non escribir, para o meu propio pracer. Non; non; non escribín nada, nin escribo nada, como non sexa obrigado, forzado e botando pestes.

E deseguido ponse a falar con admiración do doutor Martel que está atendendo a súa esposa, da súa entrega e do enorme traballo que realiza, e “mesmo do pracer, da embriaguez que pode darlle unha operación ben feita.

-Tamén está a embriaguez da abnegación –dille Gide.

En canto escoitou a palabra abnegación, Valéry pega un brinco cómico da súa butaca, corre até a porta do corredor e, asomándose, berra:

-Xeo! Enfermeiro, traia xeo! O enfermo está divagando… Está “abnegando”!

2 comentarios en “A poesía tráema frouxa

  1. Xa ves, Magdalena, cousas de xenios!
    Valéry era un creador moi sabio, mesmo algún autor considérao máis filósofo que poeta.
    Grazas polo teu interese.

    Fidel Vidal

  2. Nunca había oído hablar de Paul Valéry hasta que leí tu artículo. Miré en internet y leí ” El cementerio marino “. Dicen que a partir de la citada poesía pasó a ser considerado como el máximo representante en Francia de lo que se llamó la escuela de Poesía Pura. Me encanta la poesía pero, es demasiado complicada para mis pobres neuronas. Ya me gustaría.
    Lo que no me encaja es que una persona tan sensible – a un poeta se le supone la afectividad – no le gustase escribir. Me parece algo tan anómalo ¿ verdad ?
    Bueno… Aquí en Galicia decimos mucho aquél refrán… ” Dalle Dios pan a quen non ten dentes “.
    Moi bo artigo, Fidel. Saúdos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *