A flor da indiferenza

cobas2Antón Riveiro Coello. Boiro enceta os anos corenta. A primavera está datada nas roupas arremangadas. O sol alto curva as sombras deste escenario no que un falanxista lle ofrece unha flor á muller sentada no balado. Pouco máis sabemos da historia que pecha esta foto. Nada convida a pensar que esteamos diante dunha escena xentil. A intuición dinos que o acto histriónico do home agacha a arrogancia saciada dun aceno de moca. A súa indumentaria proxecta un poder novo e el mira de o exercer sobre esta muller que carga co loito unánime de varios séculos. El semella querer apalpar o seu medo, mais ela deféndese cunha indiferenza feroz; o seu silencio é o seu mellor escudo. Impresiona a acougada tristura dese rostro avellentado prematuramente por unha dor consuntiva, prehistórica. A sombra que lle borra os ollos dálle unha fondura resignada que se consolida no triángulo case aristocrático desas mans afeitas a debullar ausencias e resíos. Non parece un ser vulnerable. E nós non somos conscientes do que lle dá azos á nosa indignación. Se cadra sexa a burla ou esa expresión atlética e un nada circense do falanxista, que arremeda unha pose afectada que o infla e pon medras no seu tamaño. Non o sabemos. O que si sabemos é que ela está coma ausente, lonxe del, e mira para fóra, para as sombras, para o espectador que secunda a humillación e adopta a perspectiva do verdugo. Aí estamos nós, que queremos vestir a pel da vítima, ese mapa historiado de nós, mais só ficamos á súa mercé, atrapados por ese aceno incisivo no que se materializa un reproche, esa ollada inculpadora que deixa á intemperie a nosa condescendencia, o noso propio medo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *