“Searching For Sugar Man”, de Malik Bendjelloul

searchingGonzalo Trasbach. Detroit. Ano 1965. Dous afamados produtores musicais camiñan polas calellas estreitas e escuras da cidade. Entran nun bar ateigado de xente nova e atoparon no escenario un mozo de aspecto chicano tocando a guitarra e cantando. Interpretaba cancións propias. Falan con el. Arránxano todo para gravar un disco e lanzalo á fama. Mais o éxito nunca chegou, agás nun sitio: nunha Sudáfrica pechada polo Apartheid, onde os seus discos corren de man en man.

Esta é en poucas palabras a rocambolesca historia de Sixto Rodríguez que relata con gran talento o sueco Malik Bendjelloul en Searching For Sugar Man, un documental musical que recibiu premios en todo o mundo ao longo do 2013, incluído o da décima edición do festival internacional de Barcelona. As especulacións sobre o porqué do fracaso comercial son estériles. Da igual. Rodríguez converteuse nun simple obreiro da construción e alimentou extravagantes murmurios, como o de que se suicidou nun concerto diante dos seus fans. Parte a película do director escandinavo desa negra lenda e logo despraza o foco cara a Sudáfrica, onde, ao mesmo tempo, os seus discos engaiolan a unha sociedade illada e enrarecida.

Este Rodríguez desatopado inspira preguntas: como é posible que o cantautor non tivese ningunha noticia da súa popularidade naquel país? E, onde foi parar o diñeiro amasado polos selos sudafricanos? Pero a mirada sensible de Searching For Sugar Man non busca vinganza. Contaxiada pola actitude dun home humilde, valoroso e tranquilo, culmina a súa pescuda vital, a súa trama de investigación cun provocativo retrato do éxito: na súa xira triunfal por Sudáfrica, o músico chicano limítase a deixarse querer, perplexo, pero estoico, e de volta a Detroit, segue vivindo na súa casa proletaria, onde se mantén fiel á súa indiferenza cara á histeria social da dicotomía triunfo ou fracaso.

sugar2Como se dun thriller aditivo se tratase, Malik, grazas a unha intelixente dosificación da información, vai desvelando a personalidade do chamado Dylan chicano, un home de apelido tan anónimo como Rodríguez, quen, como tantos outros no anos 60 e 70, publicou dous discos e caeu no esquecemento. Pero na cinta Rodríguez dános unhas cantas leccións: é capaz de estar só, persiste na fe, mantense na aposta polo destino de cada un: nunca deixa de crer no sentido do que o rodea, o amor, o desamor, a súa familia, o seu traballo, a arte, os amigos, os dereitos dos humildes… E ademais lémbranos que a épica existencia de calquera ser humano queda hoxe en día, tanto ou máis que onte, facilmente sepultada nunha nova e acristalada clandestinidade.

Coma unha pantasma felizmente viva, Rodríguez continúa agora en realidade o relato deste documental que parece de ficción.

2 comentarios en ““Searching For Sugar Man”, de Malik Bendjelloul

  1. Fantástico documental. Veño de o ver esta noite e si, concordo contigo, hai historias reais coma esta que superan calquera ficción. Grazas pola recomendación. Paga a pena.

    1. Grazas a ti, Antón polo teu comentario. A verdade é que a web está cada vez máis entretida e interesante. Hai variedade e hai calidade, non se pode pedir moito máis. Ata logo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *