Sesquicentenario de «Cantares gallegos», Revista Casa da Gramática

Número 38 (2013). Especial «Papel de color». IES Virxe do Mar (Noia)
Número 38 (2013). Especial «Papel de color». IES Virxe do Mar (Noia)

Román Arén. Nas lembranzas que mereceu o 150 aniversario da saída do prelo, en Vigo, do libro fundador da literatura galega contemporánea, Cantares gallegos, amálgama perfecta de cultura popular e alta cultura literaria, hai que destacar o número de xullo do 2013 de Casa da gramática, a revista noiesa que é xa, un dos fitos culturais da bisbarra. Inclúe sempre o especial Papel de color, recordo da xuvenil iniciativa do Cunqueiro de preguerra, con colaboracións non só do alumnado do Instituto de Ensino Secundario Virxe do Mar, senón de escritor@s de noso e de toda Galicia.

Neste especial, tras o balbordo da aparición de varios inéditos rosalianos, inclúese o traballo do profesor Ramón Torrado Romero, o primeiro en dar noticia do inédito galego da autora padronesa. Traballo cheo de amor á Rosalía, con opinións persoais dignas de tomarse en conta e que fixeron que a Real Academia Galega felicitase o autor.

Pero, ademais deste ensaio, en Negra ausencia de contento, A. Requeixo estuda a presenza de Rosalía en Díaz Jácome, Ramón Blanco fai uns Apuntamentos sobre o galego escrito por Rosalía de Castro, Ana María Blanco escribe sobre Algunha lectura de Cantares, e M. do Río Rodríguez dános a coñecer A Rosalía do Báltico, a poeta estoniana Lydia Koidula, da que nos ofrece na nosa lingua algúns textos.

Parabéns aos promotores deste número de Casa da gramática, digno homenaxe a Rosalía.

Un comentario en “Sesquicentenario de «Cantares gallegos», Revista Casa da Gramática

  1. Aínda que un chisco académico, Román sempre nos deixas textos feitos cunha elegancia e unha testura tan delicada, que son unha lección para eu aprender. Parabéns tamén para ti. Bos días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *