Cadeas (digresión artística), de Xabier López

cadeas-premio-xerais-de-novela-2013Agustín Agra. Cadeas –o texto de Xabier López gañador do último premio Xerais– son dúas cadeas entrelazadas. Unha delas amósase como unha novela na que nos seus elos-capítulos– ”Adiviña quen ven cear esta noite”–se recrea o encontro entre un escritor e un matrimonio lector da súa obra; a segunda preséntase como unha presada de elos-relatos, independentes a primeira vista, mais anoados entre si dun xeito sutil ao tempo que forte.

Alén da súa excelencia estilística –no vocabulario, a sintaxe, a variedade e dominio de moi diversas técnicas narrativas–, a maioría das recensións publicadas dende a súa saída do prelo non deixan de incidir na pregunta de se se trata dunha novela ou dun conxunto de relatos e cales son os límites destes xéneros literarios.

Daquela eu pregúntome se ten sentido cuestionarse no S. XXI se unha instalación ou a intervención dun espazo público son escultura ou se a video-arte é pintura dadas as súas tri e bidimensionalidades respectivas. As artes tradicionais –pintura, escultura, arquitectura– percorreron un longo camiño na última centuria. As obras romperon os moldes hai moitos anos: saíron de marcos e pedestais, tanto cara aos lados como cara adiante, invadindo todo o espazo e implicaron directamente o espectador. Que opción lle queda agora a este máis ca imaxinar e ver máis alá do que se ve? De ler e mesmo participar no que ten ante si? Vivimos no tempo da arte despois da arte, a modernidade deu paso á postmodernidade, os pintores volvéronse artistas plásticos e estes en… en que?

Xabier López. Foto: Santos-Díez
Xabier López. Foto: Santos-Díez

A digresión vén a conto de que non teño resposta a se Cadeas é unha novela ou un conxunto de relatos. Pero de igual xeito que tivemos que afacernos a unha nova forma de “mirar” quizais, como lectores, deberiamos afacernos a unha nova forma de ler.  Teño a percepción –errada seguramente– de que a Teoría da literatura segue demasiado pendente da referencial Poética de Aristóteles e que quizais nestes máis de dous milenios os xéneros literarios e mais os termos con que se designan mudaron a ritmos diferentes.

Daquela, Cadeas, que é? Pois quizais nin unha cousa nin a outra ou ambas a un tempo. Eu nin teño a resposta nin tampouco son quen para categorizala. Do que si estou certo é que Cadeas é literatura, alta literatura; e tamén de que o meu papel é o de outsider: opino, pero de literatura non teño nin idea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *