Paisaxes arredor da lamprea

1 lampreaPedro García Vidal. Como non só do alento das artes vive o ser humano, imos hoxe acompañar o espírito de algo máis prosaico e material destinado a satisfacer o seu soporte. Aproveitamos para iso que acaba de comezar a tempada de captura dun animal misterioso con aspecto repulsivo, unha especie de serpe mariña, sen escamas, sen aletas e sen espiñas, de medula xelatinosa e cunha boca redonda poboada por varias fieiras de dentes coa que a modo de ventosa se fixa aos peixes grandes para chucharlles o sangue. Estamos ante un máis desa colección de animais mariños con aspecto noxento que os galegos gustamos de comer. Trátase do Petromyzon Marinus, lamprea ou lambepedras, un dos  invertebrados máis primitivos que existen. Un vestixio dos tempos máis remotos, un precursor dos peixes, unha especie de serpe de mar ou, para algúns, un vampiro acuático. A súa enigmática existencia non deixa indiferente a quen se achega a coñecelo. Pola súa propia natureza –nin carne nin peixe-, pola súa antigüidade –un animal do xurásico-, polos seus costumes –un migrador anfidromo que nace no río, vive no mar e regresa ao río para desovar e morrer-, pola súa propia preparación culinaria –o único peixe que se prepara no seu propio sangue-, ou polo feito de que só pode pescarse en datas e ríos determinados, todo iso contribúe a facer da lamprea un misterio e un ritual. A degustación deste bocado milenario levanta paixóns ou grandes rexeitamentos, non hai termo medio. Porén, nin o seu noxento aspecto, nin os seus costumes vampíricos foron quen de impedir que se comese en Galicia dende sempre. Cunqueiro, un gran comedor de lamprea, falou da afección dos romanos ás lampreas galegas. Na Idade Media era prato moi recoñecido das clases nobres que o preferían, nos tempos de vixilia, a outros peixes menos saborosos, de aí as disputas polo control das súas pesqueiras nos ríos galegos.

2 lampreasO sabor xenuíno e peculiar da lamprea, sen comparanza con ningún outro, convértena nun produto único. Un bocado de excepción cunha aura de elegancia en calquera das súas preparacións ao que non foi alleo a literatura: Bocaccio, Dumas, Balzac, Quevedo, Frei Antonio de Guevara, Cunqueiro…Torrente Ballester converte as lampreas, nada menos que no totem que reina nas augas do río Mendo en Castroforte de Baralla na súa Saga/fuga de JB.

Nestes días de diluvial invernía e antes de que o canto do cuco resoe nas fragas pregoando o remate da tempada de captura da lamprea, fagamos caso ao mestre Cunqueiro e sentemos á mesa cuns amigos “que non falen ata os postres e non fumen ata o café”, a degustar a exquisita carne deste animal prehistórico guisada co seu propio sangue, viño, patacas novas e chícharos (preparación  característica ao “estilo Noia”), para logo na demorada e obrigada sobremesa (a lamprea esixe dunha dixestión lenta), presente o libro A pesca da lamprea no río Tambre.Historia, arte e gastronomía (Toxosoutos, 2010), da autoría de Clodio González e Manuel Ces, aproveitar para a conversa de vagar sobre a historia do vello Tamaris e das xentes ribeiregas arredor dun animal mítico hoxe desaparecido das súas augas pola cobiza humana.

Antiga pesqueira no Tambre
Antiga pesqueira no Tambre

Estamos ante unha antiquísima relación seres humanos-río na procura do prezado manxar como pon de manifesto o ilustrador topónimo da aldea do Castro Lampreeiro empoleirada sobre o río.Todo un tratado de historia, xeografía e paisaxes construídas que devolve a memoria ao Tambre, as súas lampreas e pesqueiras e as xentes que nel foron desenvolvendo a súa vida no decorrer dos séculos. Unha particular mirada sobre un río, unhas xentes e un animal que de seguro axuda a entendermos mellor a historia do que somos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *