Cadeas (digresión ecolóxica), de Xabier López

cadeas-premio-xerais-de-novela-2013Agustín Agra. Cando se analiza a biodiversidade –non o número de seres vivos senón a variedade de especies– de dous ecosistemas contiguos –mariño e terrestre poñamos por caso– é doado decatarse de que esta aumenta de xeito considerable nesa zona en que ambos os dous se solapan. Estamos ante un ecotono, o límite de dous ecosistemas que non son nin o un nin o outro senón ambos a un tempo –o intermareal, unha marisma–, pero no que coexisten especies propias de ambas as comunidades mais tamén outras específicas, e no que o número de relacións –tróficas ou alimentarias, competencias, simbioses, depredacións…– se multiplican. Citando outra volta a Aristóteles –e contrariando con pracer ás matemáticas–, cunha outra frase súa que adoita repetirse con frecuenciaen ecoloxía: o todo é máis ca suma das partes. Eis as propiedades emerxentes e o chamado efecto de borde.

 Así é Cadeas, un texto que non é nin novela nin conxunto de relatos. Cadeas é ambas cousas a un tempo e tamén algo máis: un ecotonoliterario cun poderoso efecto de bordeque se enriquece, alén de na variedade das súas formulas narrativas, dos fíos –lenes, máis ou menos ocultos–e das relacións que se establecen entre os diversos elementos que constitúen aobra. Mais alá de que sexa –ou non– unha antinovela, unha metanovela, unha novela postmoderna… (coa ambición experimentadora da estirpe doutros premios Xerais que tanto valoro como Teoría do caos de Marilar Aleixandre ou Periferia de Iolanda Zúñiga) é no seu conxunto, dende un punto de vista holístico, totalizador, onde acada a súa plenitude. Cadeas engrandécese coa sinerxía, a unión ou multiplicación de enerxías, que se produce ao asociar a novela co conxunto de relatos que vai aparecendo ante nós a medida que lemos e agroman esas interaccións que non se percibían por separado.

 Continúo a teimar en Cadeas –semella obvio–, aguilloando os meus circuítos neuronais, incitándoos a establecer novas interaccións neste texto ricaz saído da imaxinación de Xabier López, o bexato –alcume dunha póla familiar do autor– do noso (eco)sistema literario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *