O comercio tardoantigo no Noroeste Peninsular, de Adolfo Fernández Fernández

COMERCIO 001Xerardo AgraFoxo. Esta interesante obra trata de rachar cos anos de escuridade que xerou o descoñecemento sobre a realidade económica e comercial do noroeste da Península Ibérica. Para vencer este esquecemento, o autor, un Doutor en Arqueoloxía pola Universidade de Vigo, contou con numerosos materiais arqueolóxicos. Restos achados nas escavacións realizadas durante os últimos anos na área máis meridional da costa atlántica galega.

A partir da análise destes documentos, este ceramólogo, especialista en economía da época romana, establece as diferentes rutas de comercio existentes con anterioridade á  Antigüidade Tardía e as establecidas nesta primeira época da nosa historia.

A modo de síntese observa como antes do século III os produtos achados nas escavacións da zona de Vigo son orixinarios do Estreito de Xibraltar e da zona costeira do Levante Mediterráneo. As mercadorías con máis presenza serían ungüentos, salgas, e, posteriormente, aceites e viños de calidade.  A partir do século IV os materiais atopados demostran a existencia –aparte dos evidentes contactos coa Lusitania e a Bética– dunha relación comercial con exportadores africanos da costa de Tunisia, aínda que estas mercadorías seguramente chegarían ao Noroeste a partir dun porto hispano, seguramente bético. A partir do século V e VI documéntase que existen relacións comerciais coa fachada noratlántica, de tal xeito, que en zonas de Aquitania e na costa inglesa aparecen materiais vinculados coas escavacións realizadas nos xacementos da zona sur da costa galega.

Así, desterrando vellas hipóteses, o autor deste documentado traballo, demostra que algunhas das mercadorías mediterráneas que se atoparon no litoral das illas británicas, non só chegaban  por vía terrestre e fluvial, é dicir, polos portos e ríos franceses, senón a través do comercio de cabotaxe que tiña no seu circuíto comercial a costa atlántica do noroeste peninsular.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *