Nebraska, de Alexander Payne

Nebraska_PosterAntón Riveiro Coello. Woody, un vello alcohólico, autista, desmemoriado, demente… teima en ir até Lincoln para cobrar un premio-estafa dun millón de dólares. Esta é a proposta inicial desta road-movie, unha viaxe de mil quilómetros entre Montana e Nebraska, unha viaxe á Norteamérica profunda. Hai certas connotacións parellas con Unha historia verdadeira, de David Lynch, na que un anciano tamén enfermo decide visitar o seu irmán e vai dende Iowa até Wisconsin (cincocentos quilómetros) nun matraquillo de cortar o céspede. Son propostas semellantes, envoltas nun fino verniz de tenrura, conxugando con habilidade o humor e a traxedia desas vidas nas que naufraga o soño americano.Pero Nebraska tamén é moito máis e vai situar nun  lugar de privilexio a Alexander Payne, un realizador que xa sorprendera con películas máis que correctas e de certo éxito, como A propósito de Schmidt, Os descendentes ou Entre copasNebraska é unha viaxe de re(coñecemento), un re(encontro) do vello co seu pasado, pero tamén un re(encontro) co seu fillo David (Will Forte), que o secunda nesa tolería fantasiosa. Este acto benevolente do fillo, esta asunción do pasado é unha das partes que máis turra de nós cara á comprensión da vellez e de calquera utopía. A realidade é esmagadora. Unha derrota. Só a ilusión trae a esperanza, o perdón ou o amor.

nebraska 2Salienta a interpretación masculina de Bruce Dern na pel tan crible do vello Woody, un papel que mesmo rexeitou Gene Hackman, e que xa lle valeu o premio de interpretación masculina no pasado festival de Cannes (tampouco sería tan estraño que se fixese co Óscar).

Chama a atención a carga emocional da película, un aloumiño na sensibilidade, unha análise do comportamento humano que é capaz de virar o melodrama nunha comedia dramática, triste, fonda e intelixente.

Autenticidade, esa é a palabra que mellor define unha película que vai quedar en nós para sempre. A volta de Woody á súa aldea natal é memorable, como memorable é a escolla de todos eses personaxes, mesmo os máis secundarios, que expresan as súas miserias cando descobren que o seu vello veciño se vai converter en millonario. Son personaxes cargados de fondura, perfilados apenas por uns trazos secos, maxistrais, que lle dan unha autenticidade tan grande que o espectador forma parte desta viaxe allea que se converte en propia (impresionante tamén a matriarca interpretada por June Squibb ou o vello socio do protagonista encarnado por Stacy Keach). nebraska 3Todos eles respiran unha rutina certa, mesmo nos intres máis incribles. A ironía parece xurdir da paisaxe. Axuda a esta percepción o branco e negro, un engadido artístico que acolle moi ben as paisaxes frías do inverno, unha temperatura acaída para esa nada na que naufragan todas esas vidas solitarias. Ao meu ver, o maior mérito de Nebraska é que en todos estes secundarios que pairan polo relato, non deixamos de nos ver no espello, porque unha e outra vez recoñecemos a paisaxe psicolóxica das nosas propias familias, e temos a necesidade de nos reconciliar co noso pasado e con nós mesmos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *