“Prosopagnosia”. Compromiso e vangarda. O mito da alma

paganRomán Arén. Alberte Pagán, director de cine, dramaturgo, tradutor e poeta, é un home das marxes, da marabillosa pluralidade do mundo, e de aí o multilingüísmo deste poemario Prosopagnosia, que autoeditou a fins de 2013. Unha obra nacida dunha viaxe a Alexandría, unha homenaxe a Cavafis, mais unha homenaxe agochada e libre, lonxe da solemnidade académica; pero o abraio xorde desa unión entre vangarda poética, elementos cultos e manifesto político. Home viaxeiro, defensor das causas xustas, anticapitalista, pero sen sectarismo, en defensa da diversidade lingüística que o leva a incluír ducias de linguas diferentes na súa poética. Logra un raro equilibrio, en xeral, entre experiencia, cultura, viaxe e manifesto. Se toda poética ten un lema, unha palabra-chave, eu como lector sinalo «xanela» e acóllome aos seus versos: «Dâ-me un lema / um título é davondo, tu opina / e eu sigo os opinares que son teus».

alberteSe prosopagnosia é a dificultade para lembrar os rostros, a poesía é unha fiestra, unha xanela no muro. Mais tamén é lembranza, pois quizais só «vivimos brasas e non lumes», «somos tempo / em constante fluência». Vangarda, cultura e compromiso que permitan a «praça tomada, espaço liberado / de tráficos exércitos polícias». A viaxe, o río da vida, son longos, hai que vivilos sen temor, sen agardar irresolutos pois «o afám de perfeiçom / deixa umha vida inútil e imperfecta. Para madurecer hai que se enfrontar ao mundo e seus mistérios».

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *