Pombas e flores. Poesía en voz baixa

poemasnenos1Elisa Lobeira. O meu título alude, claro é, ao primeiro poema rosaliano de Follas Novas, do libro “Vaguedás”: “Daquelas que cantan as pombas i as frores,/todos din que teñen alma de muller./Pois eu que n’as canto, Virxe da Paola,/¡ai!, ¿de qué a terei?.” Versos rosalianos estes que tanto deron que dicir a todas as feministas: rexeitamento do gueto no que os homes (e algunhas mulleres) querían coutar as mulleres poetas. Comeza pois o “libro” primeiro de Follas novas, un “libro”, Vaguedás, metapoético, cunha pedrada na fronte do patriarcado. Pero, sempre hai pero, rosalía tamén cantou as flores e como exemplo de En las orillas del Sar: “En mi pequeño huerto/brilla la sonrosada margarita,/tan fecunda y humilde/como agreste y sencilla”. Pero é verdade que son poucos os exemplos rosalianos e que, neste caso concreto, a margarida serve de símbolo para o paso do tempo e a decepción.

Esta lixeira reflexión miña acudiume á memoria ao reler un libro humilde, un libro que fala baixiño, Poemas de nenos e paxariños (1958), de Aurora vidal Martínez (1911-2005), reeditado en 2000 por Follas Novas, con introdución de Natalia Regueiro e Luís Alonso Girgado, pois paxaros e nenos son tamén uns dos poucos “xoguetes poéticos” permitidos durante un tempo ás poetas. E, non obstante, estamos diante dun libro sinxelo, si, pero verdadeiro, confesional malia a tona lixeira, con predominio da saudade e da cor negra. Un libro que foi pioneiro na poesía infantil galega na posguerra, na que só de xeito constante cultivaron neses anos o emigrado Emilio Pita (Cantigas de nenos, 1944, O ronsel verdegal, 1964) e o esquecido Carlos Rivero Troncosocatavento (Catavento ao norde, 1956), ademais de Xosé Mª Álvarez Blázquez (Roseira do teu mencer, 1950). Logo virán en 1968 Os soños na gaiola, de Manuel María e Versos pra os nenos da aldea, de Pura Vázquez e xa en 1974 Oriolos neneiros de Pura e Dora Vázquez. Poesía en voz baixa, de xinea hilozoísta, pois o ronsel de Amado Carballo chegou con forza á posguerra, a longa noite de pedra, por ser unha poesía non incómoda para o franquismo, como ben ten escrito Méndez Ferrín.

Aínda así debe reivindicarse o papel de Aurora Vidal na creación da poesía infantil galega e, aínda que rinche algo no padal contemporáneo, a sinceridade e axilidade deste poemario que prologou, tamén en galego, o crego de Isorna, o cantor dos merlos, Faustino Rey Romero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *