Ti non es coma outras nais, de Angelika Schrobsdorf

madresInés Otero. A autora desta curiosa novela –máis de 500.000 mil exemplares vendidos en Alemaña e que vai aquí pola cuarta edición– é a muller de Claude Lanzmann, ex amante de Simone de Beauvoir e máis coñecido por Shoah, o documental sobre o xenocidio nazi. A historia que conta Angelika Schrobsdorf (Friburgo, 1927) ao logo de 600 apertadas páxinas, comeza no ano 1893, cando nace Elsa Kirschner, nai da autora e auténtica protagonista desta obra, e remata no ano 1947 despois de que os nazis se levarán, por culpa das noxentas leis racistas ditadas en Nürenberg, algúns membros desta rica familia xudía ata o crematorio de Theresienstadt e outros ata Bulgaria e Palestina. A través deste relato autobiográfico, que garda certas relacións con Suite Francesa, de Irene Nemirovsky, Ela tan amada, de Melania G. Mazzucco ou Adeus Berlín, de Christofer Isherwood, tamén coñecemos a historia dun país que camiña dende os “felices anos vinte” da República de Weimar cara ao abismo trazado polo Terceiro Reich, un cantil que foi tan difícil de adiviñar para algúns como doado de asumir para outros máis cínicos.

madres2Ti non es coma outras nais (2016) semella en moitas paxinas unha obra intranscendente, polas continuas referencias sobre o mundo da bohemia e os amores e desamores da súa promiscua protagonista, Elsa Kirschner, pero garda un repouso triste e amargo, sen dúbida, o mesmo que debeu superar a autora que, despois de moitos anos se decidiu a contar as experiencias dunha familia ferida pola morte e as aldraxes. Unha dor que a perseguiu durante moitos anos. Unha sombra que aquí se converte nunha obra, como outras de Stefan Zweig sobre esta mesma época, ateigada de emocionante literatura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *