As bágoas de Dolores Vázquez

dolores-vazquez--575x323Gonzalo Trasbach. É aínda o periodismo o “genio” da nosa época, tal como teñen afirmado algúns politólogos e pensadores contemporáneos? Neste mesmo sentido, é certo que enche cada greta e cada fisura da nosa conciencia? Pode que sexa así, pois, como seguramente sabemos todos, a prensa, os medios de comunicación son bastante máis que un instrumento técnico e unha empresa comercial. É dicir: o seu baseamento básico é, en certo senso, metafísico. Articula unha epistemoloxía e a ética dunha temporalidade espuria, e xera unha instantaneidade igualadora. Ao fin e ao cabo, todas as cousas teñen máis ou menos a mesma importancia. Son só todas diarias. A visión periodística saca punta de cada feito, a cada configuración individual e social para producir o máximo impacto. Pero faino de xeito uniforme. A enormidade política, os descubrimentos ou brincos da ciencia e os do atleta, a apocalipse e a indixestión reciben o mesmo tratamento. E aínda que consideremos cada un deses principios (e mesmo que a beleza e o terror supremos son esmigallados ao final de cada xornada) antinómicos coa literatura e a arte serias, nós repoñémonos e, expectantes, agardamos a edición ou audición de cada mañá. Quen de entre nós é capaz de tomar o café de cada almorzo sen ler un periódico, mirar a tele ou escoitar a radio ou acudir a Internet? E isto é así porque o periodismo nos seduce para investir na bolsa da sensación momentánea, no sensacionalismo.

dolores2Ben. E a conto de que vén esta diatriba contra os nosos queridos medios sen os cales posiblemente se rexistraría unha epidemia de suicidios? Pois a que me lembrei dunha desas mulleres que están na miña nómina de “loitadoras case anónimas”. Só que neste caso non pertence nin por asomo ao ramo “intelectual” por así dicilo: Dolores Vázquez. E esta quen é? Unha vítima do sensacionalismo. Dito doutro xeito: vítima dun autoproclamado e arrogante “tribunal da opinión cidadán” do que os medios son o seu gran valedor e que, diante dos febles indicios que a podían sinalar como sospeitosa, condenaron a quince anos de cárcere a esta muller nacida en Betanzos. Coma no seu día o chamado “caso Arny”, ela foi acusada dun asasinato que non cometeu, pero polo que pasou 519 días na cadea, logo de sufrir unha brutal lapidación pública da que ningunha institución xudicial nin policial a protexeu. E tamén sen que ninguén, despois de ser absolta, fose sinalado e menos aínda que alguén lle pedise perdón.

Filla de emigrantes, Dolores Vázquez criouse e educouse na localidade inglesa de Epson. No mes de novembro do 1999 atoparon o cadáver da moza Rocío Wanninkhof, tres meses despois de que desaparecera. O 7 de setembro do 2000, Dolores ingresou na prisión acusada de ser a autora do crime. A muller fora amante de Alicia Hornos, nai da asasinada. O 8 de febreiro do 2002 foi condenada a quince anos de cadea e a unha indemnización de 108.000 euros. ASESINATO JOVEN DE MIJASPode que arestora, logo de asistir completamente e a diario ao horrendo espectáculo de condena e execución sumaria fronte ás cámaras e micros radiofónicos de persoas que aínda non teñen sido xulgadas, nin haxa probas suficientes e claras contra elas, sintamos unha total indiferenza diante das inxustizas máis sangrantes, e nin sequera teñamos a coraxe de defender, coma é o noso deber ético e político, unha presunción de inocencia que ningún medio respecta e ás veces tampouco os mesmos xuíces.

Cando ocorreu o tráxico suceso, un amigo e un mesmo amosámonos convencidos de que a condición sexual de Dolores Vázquez xogou un papel decisivo no veredicto final. Arestora, pregunto, e o ser galega pesou ou non para declarala culpable por parte do tribunal popular? Pode que si. Convén lembrar agora as señoras andaluzas que saían nas televisións, que lles parecía “antipática” e “fría”. Os homes pola súa parte estrañábanse de vela “tan machirula”. Seca, arisca, dura, lesbiana. Por que non, entón, asasina? Cando entrou na cadea, recibiuna un coro de voces das presas ao berro de “asasina”, “asasina”… O caso resolveuse por casualidade. Un 18 de setembro do 2003, a compañeira de Alexander King, un ex convicto  británico que residía na Costa do Sol, denunciou á policía que sospeitaba dunhas manchas de sangre que viu na roupa do seu mozo, días máis tarde de ser atopado o cadáver de Sonia Carabantes en Coín. As probas de ADN confirmaron que King matou a Carabantes e que as súas pegadas estaban tamén nunha cabicha ao lado do cadáver de Rocío Wanninkhof.

dolores4Nada dixo o aparato xudicial sobre os mofosos e defectivos que resultaron os seus resortes. Tampouco o fixera no escandaloso “caso Arny”. Tampouco o fixo a prensa, manchada polas inxurias vertidas contra os inculpados nos dous casos. Dolores Vázquez ten sido indemnizada a cargo do contribuínte polos 17 meses de inxusta cadea padecidos. Mais o pasado verán o Supremo desestimou a demanda polo tempo que estivo en prisión por unha cuestión formal. A Avogacía do Estado puxera un prezo para a súa dor: correspondíanlle 62.280 euros. Mais, que compensación lle agarda na restitución da súa intimidade violada, na súa estima social tronzada? Non a terá. Arestora Dolores vive refuxiada nunha pequena localidade ao este de Londres. No 2013 estivo en Madrid. Acudiu a un acto sobre “Presunción de inocencia y juicios paralelos”. O seu discurso durou cinco minutos e acabou afogada nun mar de bágoas. Pero lembrou: “Aínda ninguén me pediu perdón”. Ninguén llo pedirá. Que se pode agardar dunha sociedade educada na venda do privado e na maledicencia?

2 comentarios en “As bágoas de Dolores Vázquez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *