Nico. A nosa musa morreu triste e soa (II)

Nico_desertshoreGonzalo Trasbach. Máis tarde volveu cambiar de imaxe e dedicouse ao consumo de heroína. Cando coñeceu o cineasta experimental francés Philippe Garrel, instaláronse en París nun piso sen electricidade e enchérono de candeas (as candeas sempre a fascinaron). Nese tétrico escenario, a cantautora compuxo “Desertshore (1971), un disco para a máis grande gloria da súa voz e harmonio, onde Cale engade outros instrumentos e comparte a produción con Joe Boyd. Máis que un álbum trátase dunha viaxe alucinada polas cicatrices interiores da alemá. Dende a sobrecolledora Janitor Of Lunacy, unha especie de feitizo diabólico dedicado ao seu amigo morto Brian Jones, ata Müterlein, un canto fúnebre para súa nai nun fusco alemán (“Querida y dulce madre, al fin puedo estar contigo; el deseo y la soledad se liberan en beatitud”). O ambiente que envolve todo o  disco é denso, nórdico, tráxico, e alcanza o seu cumio en temas como My Only Child, unha oración pagá cantada case a capella nunha catedral de xeo; no interludio melódico de The Falconer, que Cale suaviza co seu piano, e na desarroupada Afraid, onde, acompañada pola viola de Cale, canta e recita frases tan tremendas como “es fermosa e estás soa”, exorcizando ese eterno complexo de guapa que naceu na súa adolescencia, cando foi violada por un soldado norteamericano. All That Is My Own, unha melodía de fonda e forte carga simbólica, pecha a travesía ao deserto como paisaxe da alma, como espello de soidades onde brilla a soberbia palidez de Christa Päffgen.

Nico-The-EndAínda que posteriormente entregou outra máis que notable obra, “The End” (1974), que inclúe unha arrepiante versión do tema homónimo de Jim Morrison: a banda sonora dunha caída libre ata o fondo do abismo. Pero trala cima acadada veu a decadencia expresada en obras menores como “Drama Of Exile” (1981) e “Camera Obscura” (1985). A separación de Garrel e a forzada regresión cara a unha paisaxe sonora máis roqueira e comercial que lle permitise pagar as súas enormes débedas, xeradas polos “paus” que lle meteron os camelos e os gastos ilimitados en drogas, guiaríana cara a Ibiza, onde alugou unha casiña afastada da cidade para ela e o seu fillo, tamén enganchado ata as cachas. Unha tarde do 18 de xullo do 1988 subiuse a bicicleta en dirección a cidade para pillar jaco.

Ela era unha resistente. Sobrevivira, pese a que todos os seus amigos foran caendo un a un. Así que a nosa musa non morreu de sobredose, amigos meus, senón que sufriu un estúpido accidente de bicicleta e ficou moitas horas tirada na cuneta até que un taxista xeneroso a recolleu e a levou de hospital en hospital, porque ninguén a quería recoller por ser estranxeira. Finalmente, acadou ingresala nun cuarto do centro médico onde finalmente expirou. Neste último periplo a súa vida ten un parecido co de Bessie Smith. A Emperatriz do blues finou tras un accidente de coche porque non a quixeron atender en ningún hospital por ser negra. Logo da súa morte prematura (49 anos, cumpriría os 50 en outubro, pero ela agardaba vivir moitos máis), as cinzas de Nico descansan en Berlín, na mesma tumba que súa nai, pero seguramente a súa alma vaga paseniño entre os sucos de “Desertshore”, máis acá do ceo e máis aló do inferno, entre as difusas fronteiras onde habitan os que nunca deixamos de amala.

Un comentario en “Nico. A nosa musa morreu triste e soa (II)

  1. Impresionante también la segunda parte de – la chica de Osborne – . Al leer lo que cuentas referente a Bessie Smith, me vino a la memoria una anécdota de otra mujer de color . Con tu permiso te la cuento. – En E.E.U.U. Un muchacho blanco prestó ayuda en la carretera un día lluvioso a una mujer negra a la que nadie socorría . Al cabo de unos días el muchacho recibió en su casa un televisor último modelo con una nota que decía : – Gracias por tu ayuda en la carretera, pues gracias a ti, he podido llegar a tiempo de ver con vida a mi marido “. y firmaba la viuda de Nat King Kole.
    Que nunca nos falten buenos samaritanos. Gracias Gonzalo.
    Saludos palmeiráns

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *