Amamos a Kate Bush como Heathcliff a Catherine Earnshaw? (I)

kate bush 1Gonzalo Trasbach. Hai criaturas que temen a noite, a escuridade. Son as chamadas fillas da luz. Só son capaces de durmir cando comeza amencer. Pero hai outras que teñen querenza polos espazos de sombras e apartados, e por iso necesitan de vez en cando afastarse dos focos da vida pública, para vivir coma nunha especie de clandestinidade e así manter relacións cos espíritos, cos espectros, coas pantasmas, coa materia prima do sagrado. Estas son criaturas cunha vida moi guadianesca. Unha delas abre o segundo apartado da miña crónica “Voces sonoras femininas. Das vellas damas de ébano ata as novas aspirantes a divas contemporáneas”. Falo de Kate Bush (Baxleyheath-Londres, 30 de xullo de 1958), unha artista xenial e apaixonada que se atreveu a levantar un universo propio, singular, abrindo un camiño por onde transita unha boa parte da música actual, dende The Knife a Lyke Li, pasando pola moi aclamada Björk. Afastouse dos escenarios en 1979 e non volveu reaparecer até o 2014. Obtivo un éxito tan rotundo que as vendas dos seus oito últimos discos se incrementaron considerablemente.

Protexida por Peter Gabriel e David Gilmour (Pink Floyd), cando apenas contaba vinte anos, estreouse presentándose precisamente coma o espírito que asexa a mansión de “Wuthering Heights” (1978). kate 2Si, nin máis nin menos que o título da famosa obra de Emily Brontë, unha das cumes do Romanticismo inglés. Neste single transfigúrase en Kathy Earnshaw. Identifícase co espectro da caprichosa e apaixonada moza que, logo de morrer e vagar polos páramos, regresa á mansión para atormentar o seu amante Heathcliff, que morrerá atemorizado por estas visións. Tal e como relata o libro da pequena das irmás Brontë, Catherine mételle présa para que a deixe entrar na casa e levalo con ela ao inferno. A cantante de Kent admitiu que tiña lidas poucas páxinas da obra cando descubriu que o seu falsetto agudo era como debía soar o chío dunha pantasma. No vídeo de promoción, o mundo veuna bailar en transo cos brazos abertos, estendidos. Un grande éxito que nos descubriu unha artista amiga dos espíritos, do que agora se chama paranormal.

Este interese polo espectral, polas pantasmas, volveu reaparecer nas cancións de “Hounds Of Love” (1985). Álbum –o quinto da súa curta carreira- sofisticado, épico, ambicioso e febril, e que aínda hoxe en día permanece inmune ao tempo: unha illa á deriva no mar do pop adulto onde convén recalar de vez en cando. Editado un 16 de setembro hai 31 anos, é un disco deses modernos para sempre, pese a que nese momento as accións de miss Bush cotizaban á baixa, pois o seu traballo anterior, “The Dreaming” (1982) nin gustara nin tampouco se vendera ben.

kate3Mais non se achicou por este contratempo. Disposta a demostrar que non só era unha artista coma a copa dun pino, senón que era capaz de escribir e ulular con convición unha canción sobre a fina arte de facer o amor cun moneco de neve e espertar empapada ao día seguinte, a nena de Kent colleu os seus aforros e construíu nun alboio da granxa dos seus pais un estudo doméstico. Alí comezou no 1984 a gravación de “Hounds Of Love” e non saíu do seu novo refuxio sónico até que pechou a que ía ser a súa obra mestra, onde invoca o espírito de “Hondini”, e os espectros da Ofelia de Hamlet e de Wilhelm Reich. Entón empezamos a amar a Kate como Heathcliff amou a Catherine en “Cumbres borrascosas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *