Galicia e os galegos na poesía castelá XLVII. Carmen Martín Gaite

gaiteRomán Arén. É Carmen Martín Gaite (1925-2000) unha das voces femininas importantes da narrativa española de posguerra. Eu coñecina por Entre visillos (1958), gañadora do Nadal, versión desencantada da clase media española, pero xa publicara El balneario en 1955. Logo, nos setenta, viñeron xa as súas obras máis maduras: Retahilas (1974), Fragmentos do interior (1976) e El cuarto de atrás (1978). Nos oitenta coñeceu o éxito con Caperucita en Manhattan (1988) e nos noventa con Nubosidad variable (1992), pero foi tamén moi aprezada por ensaios como Usos amorosos del siglo XVIII español (1972) e poeta, pois en 1976 editaría o poemario A rachas. Con fortes vencellos familiares con Galicia, esta salmantina ocupouse de Rosalía Desde la ventana (1987), un estudo sobre a literatura das mulleres, pero xa a incluíra na súa antoloxía Ocho siglos de poesía gallega (1972), da que foi coeditora con Ruiz Tarazona, escolma que obtivo duras críticas en Galicia, sobre todo de Carlos Casares, polas versións castelás dos poemas galegos. En A rachas inclúe o poema “Luna llena”, onde canta a tradición das poetas femininas:

A tu luz se acogieron deslumbrados/tristes y balbucientes/los poetas,/frioleros y turbios,/estremecidos, los enamorados./Te invocaron sin tregua/a lo largo de un río subterráneo/de palabras marchitas/que viene de Safo y Rosalía/a morir en mi boca. /Jugamos a invocarte,/levantamos antorchas de mentira/que sólo manosean tu vestido de tul.

Unir a Safo e a Rosalía nunha cadea poética non é exclusivo de Carmen Martín Gaite, pois xa Carmen Blanco exhumou un poema de Filomena Dato Muruais no que ocorre o mesmo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *