Calidade e beneficios

mexillónsFrancisco Ant. Vidal Blanco. Os beneficios sen calidade duran moi pouco, ou así mo fixeron ver estes días, contándome de como aló polo final dos anos sesenta e primeiros anos setenta do pasado século, unha conserveira que exportaba latas de xarda en aceite de oliva a Italia non soubo ver esta verdade. Íalles ben, o empresario gañaba e ós empregados non lles faltaba traballo, pero chegou o día no que a ambición entrou no despacho do xerente, a quen o consello de dirección lle ofreceu unha participación nos beneficios se estes melloraban, e decidiu que, por botarlle un pouco de auga ó aceite non ía pasar nada e aforraría unha pasta.

Fíxose e os italianos seguiron mercando as latas, non tantas pero co pequeno calote que lle meteran a rendibilidade para a empresa aumentara, e entón o director pensou que non estaría mal botarlle un pouco máis de auga ó aceite. E de súpeto os italianos xa non pediron máis latas. A empresa pechou e a xente perdeu o emprego. A marxe de beneficios impúxose á calidade e esa conserveira forma parte desa paisaxe de fábricas abandonadas, por un ou outro motivo, marcando a liña de costa, verdadeiros muros da vergoña que uns xustifican e todos lamentamos; tal vez por non decatarse de que a calidade e os beneficios ocupan polos opostos cando se lle dá preferencia a un sobre o outro, cando non se procura o equilibrio que marca a excelencia do producto.

Estes días comentábase que Francia, con toda a súa fama de sibarita, é o segundo mercado exterior que temos en conservas de peixe e marisco, que mercou máis de noventa millóns de euros en latas, das que un oitenta por cento son de produción galega. Non sei cal é o nivel de calidade que se exporta nin cal o que os franceses esixen, pero supoño que non lles mandarán latas de mexillón como as que merquei no súper esta semana, que cando as botas no prato, o prebe deixa ver os ollos acuosos, os mexillóns, con sorte, roldan o medio centímetro de largo e todos, sen excepción, veñen coas barbas postas. Evidentemente aquí non hai calidade, cando no mesmo súper podes mercar mexillón fresco a menos de dous euros o quilo, cada un de polgada e media de longo, que podes cocer, meter nun deses botes bacíos da marmelada, con aceite ou escabeche, que non se tarda máis de media hora en preparar e aforras os dous euros por lata de setenta gramos de peso escorrido que comes con noxo.

O mesmo podemos dicir das xoubas ou das sardiñas, que tantas veces semellan crúas e ata insípidas, como se houbese unha falta de interese pola calidade, cando sabemos que eses mexillóns milimétricos non se venden en ningunha lonxa galega. E logo, para demostrar que saben facer cousas boas, todas as conserveiras teñen a súa liña gourmet, especial para marcar diferenzas entre quen merca no súper e quen no rincón do sibarita, cando o custe de fabricación non debe ser tan desproporcionado sabendo cal é o da materia prima.

Un comentario en “Calidade e beneficios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *