Jandul, de Jontxu Argibay

A escultura está exposta na Sociedade Liceo de Noia FOTo M. CREO

A escultura está exposta na Sociedade Liceo de Noia FOTo M. CREO

Antonio Piñeiro. Este Jandul é un dos temas que Jontxu Argibay está a presentar na sala de mostras da Sociedade Liceo de Noia, nun grupo de doce pezas producidas en distintas datas, materiais (madeiras, aglomerado, febra) e técnicas, pero cuxo punto en común, coido, está na pescuda do signifi-cado/significados. Tamén na textura do acabado, nos puídos extremos, case máis de alfaia ca de talla, no ton feminino (oito das doce obras expostas tratan o tema ou conectan directamente con el), e no predominio da forma esférica e a liña curva; mais é o voo, a volatilidade da idea o que finalmente nos permite recollelo todo nese sentido final, persoal, versátil e múltiplo co que Jontxu nos enfronta ao seu xeito de entender a materia, a forma e o volume.

Baixo a sinxeleza que o mesmo concepto -Jandul- aparenta, en todas as obras rematamos por notar esa complexidade da lectura dúctil; unha complexidade que pasa, por exemplo, polo emprego de símiles, polisemias, xogos de ideas, de palabras (para o que teremos que fixarnos tamén nos títulos) e mesmo de tactos; ou polo emprego das asociacións de conceptos, ás veces mesmo chocantes ou desconcertantes, coma aquí, onde a folganza do corpo semella contradita pola representación dese mesmo corpo en tensión, apoiado nun valo de ar ou nun muro omitido adrede para que a mente do observador capte ao primeiro a forzada flexión.

O mesmo no Ícaro, coas ás de aspecto denso, ríxido e rectilíneo, ca na magnífica versión do tema d’A espera, cunha alegoría feminina de corpo retorcido, permitindo albiscar os azos e desazos da impaciencia fronte ao contraposto dun aceno fixo e expectante; na suavidade da Beleza, espido clásico e compacto, coma un estoxo no que non estamos certos de se se gardan os nós anatómicos ou os nós da madeira con cuxa elegancia se fai posible a idea; o mesmo na visionaria concepción que nun híbrido de muller e serea cun toucado coma de helmo ou casco futurista nos dá en Europa, ca na forza coa que a poética visual se desprega no toucado-peixe do busto que titula Peixeado, ou mesmo ca na intelixente interpretación da Morriña, unha das pezas nas que con máis satisfacción me demorei nos detalles: as mans grandes, coma dous tocos pesados e indubidablemente protagonistas, pendurando duns brazos caídos, pegados a un corpo infraproporcionado e sostido por unhas pernas e uns pés dos que se desprende a idea de chumbo, igual que das pálpebras e da penumbra coa que o conxunto se pecha sobre si mesmo.

Nalgunha parte téñolle escoitado a Jontxu situar a súa obra entre o etnográfico e a banda deseñada. Aí, quizais, a cerna, a afouteza dunha escultura de cariz moi aberto, que funde e escoita e fala no eido principalísimo da arte, da conversa, da concitación, ou do significado/significados: o da comunicación.

Esta entrada foi publicada en Antonio Piñeiro, Artes plásticas e escultura. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>