Elisa Lobeira. A editorial de Xixón Satori está a facer un gran labor de promoción da cultura xaponesa, sobre todo a través da colección “Maestros del Haiku”, que recomendo Violeta agreste (2016) da poetisa CHIYO (1703-1775), a máis salientable cultivadora do haiku dos séculos XVIII e XIX. A tradución, a escolma e a introdución son de Fernando Rodríguez-Izquierdo y Gavala, un sevillano graduado pola universidade de Sophia de Tokio en 1965, profesor da hispalense entre 1975 e 2006, un verdadeiro especialista nesta poesía tan regulamentada, tan sutil e tan difícil de pór noutra lingua. Visualiza agora unha muller sobre a que hai moitas incógnitas, que quizais foi monxa budista xa na madurez. Experta en pintura, caligrafía e poesía, logrou prestixio nun mundo de homes. O seu primeiro haiku escribiuno aos seis anos e na súa vida fixo uns mil setecentos. O encontro en 1719 con Shiko (1665-1731), un dos dez discípulos de Basho, deulle prestixio (son os homes os que canonizan), ao que se uniu a aprendizaxe do haijin. Rogenbo e a instancias del fixo este haiku: “Cuco, cudillo:/llamándote acá espero;/y así amanece.”
Sinala o tradutor que o tema imposto previamente leva a Chiyo a identificarse coa ave, repetindo o seu nome (hototegisu) na noite, como o piar do paxaro (hototogisu/hototogisutote/ake ni keri).
A fama de Chiyo comezou aos 19 anos, cando un haiku seu apareceu nunha escolma, debido ao encontro con Rosen (1661-1743). Nesa altura casara xa cun samurai de pouca fama, Fukuoka Yahachi, que morreu cedo e a poeta rexeitou casar co cuñado, rachando así cos costumes da época.
Dende 1740 a fama de Chiyo medra e, o que é raro nunha muller, asiste a reunións de haiku en Kyoto e outras cidades. Aos 52 anos faise monxa, pero só pasou no mosteiro o tempo de novicia, volvendo logo á casa. Crese que tivo fillos e que foi amante non só dalgún home, senón tamén de mulleres. Xa en 1763 publicou unha antoloxía e en 1771 outra, A voz dos piñeiros. Está presente nunhas cento vinte antoloxías. Na vellez coidouna outra poeta do haiku, Suejo (1721-1790). Pureza de sentimentos, beleza na expresión, son as características que os críticos deron á súa poesía.