Canadá, de Richard Ford

PlantALBA.qxdXerardo AgraFoxo. O protagonista e narrador desta obra é Dell Parsons, un mozo de Great Falls, Montana, que con tan só quince anos revela no parágrafo inicial da novela a historia que arrastra consigo: Primeiro contarei o do atraco que cometeron nosos país. E logo o dos asasinatos, que viñeron despois. O atraco é a parte máis importante, xa que puxo a miña irmá e a min nas sendas que acabarían tomando as nosas vidas. Nada tería sentido se non se contase isto antes que nada. Cos pais no cárcere  e a súa irmá Berner desaparecida dos lugares familiares, el , grazas á colaboración de Mildred, unha amiga da nai, consegue atravesar a fronteira e instalarse nun pobo perdido de Canadá. Alí, cinguido nun mundo de seres estraños e retorcidos,  tan complexos como os seus pais sufrirá experiencias abraiantes. Unha frase resume a loita do protagonista: “Terás unha oportunidade se sabes tolerar as desgrazas”.

canada2Nas 500 apertadas páxinas desta novela, contada  de xeito retrospectivo, cando Dell Parsons se atopa preto da súa xubilación, descríbese con frialdade o destino que o traumatiza, os intres máis determinantes dun mundo ateigado de emocións e a vida cotiá duns personaxes cinguidos por unhas paisaxes, chairas e sombrías, que acentúan as incertezas que espreitan a Dell en cada revolta da súa andaina. Con estes alicerces, Richard Ford (Mississippi, 1944) demostra que se atopa en plena forma creativa, cun pulso narrativo firme, onde son memorables as descricións dos pais atracadores que, aínda que só sexa por un día,  semellan un calco de Bonnie Parker e Clyde Barrow.  Unha obra que nos achega ao mesmo Ford d´O Día da Independencia (Premio Pulitzer e PEN/Faulkner) ou Acción de Grazas, as dúas novelas máis recoñecidas deste clásico da literatura contemporánea estadounidense.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *