American Smoke, de Iain Sinclair

americansmokeGonzalo Trasbach. America Smoke. Viajes al final de la luz é a segunda obra de Iain Sinclair traducida ao castelán. Tamén é a segunda que cae nas miñas mans. A primeira chegoume o ano pasado baixo o título La ciudad de las desapariciones, de cuxa tradución se encargou, como neste caso, Javier Calvo para o mesmo selo, Alpha Decay. Así pois, aínda que leva publicando dende a década dos setenta do pasado século, o autor británico nado en Gales (Cardiff, 1943), pero afincado en Londres, é máis ben pouco coñecido, e poida que recoñecido moito menos, entre nós. Este escritor e realizador de cine estivo dende os primeiros pasos da súa traxectoria vinculado á vangarda británica. A súa escrita gravita fundamentalmente sobres as relacións entre o individuo e a cidade, a súa cidade (Londres), e sobre como lle afectan as transformacións, ou mellor dito, agresións do espazo urbano. En estrito senso, estamos falando dunha rara especie de arqueólogo dos mitos que outorgan sentido ao chan que pesa, ao estilo dun fiel seguidor de Thomas De Quincey e William Blake, dous dos seus grandes mestres.

O arranque do libro sitúase na antesala da Olimpíada de Londres. Por entón, Sinclair e o artista Andrew Kötting comezaban a súa protesta contra as obras que, aproveitando a cita deportiva planetaria, estaban modificando zonas deprimidas da cidade para revendelas coma pisos de luxo, convertelas en áreas amuralladas de seguridade ou abandonalas tras as manobras de especulación. A performance “Swandown” consistía en navegar dende a praia de Hastings até Hackney polos canles de Londres a bordo de “Swandown”, unha barca a pedais coa forma dun cisne enorme. sinclairA parella emprendeu a quixotesca travesía, pero… Sinclair desertou antes de arribar ao porto co obxecto de tomar un avión con destino a Boston, onde pretendía recuperar o material perdido dun documental que trataba dos escritores da Beat Generation e que rodara en compañía dun director de son da BBC. Tanto o material coma o director desapareceran de xeito misterioso. Agora podía recuperalo de forma milagrosa.

É este un libro de viaxes ao estilo de Claudio Magris ou W.G. Sebald? Pode. Pode que a prosa poética do galés estea en conexión coa dos denantes citados. Mais Sinclair non entende a viaxe coma unha peregrinación xeográfica, que tamén, senón sobre todo como método de investigación, mais non de crimes. Neste caso está enfocado no malditismo cultural norteamericano, nos heroicos mitos da súa xuventude. Para conseguilo, parte dos seus amplos coñecementos da cultura pop estadounidense, pero sostense sobre unhas imaxinativas e brillantes descricións dos ámbitos que percorre, e nunha serie de entrevistas con personaxes secundarios do relato contra cultural ianqui, como a do moi impactante Gregory Corso, o rapaz listo da rúa, ou coma a do poeta Gary Snyder e a súa singular visión do que hoxe en día chamamos ecoloxía para enchernos a boca pequena.

Sinclair-AmericanSmoke-MapComparten neste volume páxinas Jack Kerouac, Allan Ginsberg, Charles Olson, Dylan Thomas, Malcolm Lowry e William Burroughs, entre outros, con Roberto Bolaño, o chileno que viviu exiliado entre Barcelona e Blanes, e o arxentino Rodrigo Fresán. Pero, tratase dunha viaxe a través do inabarcable territorio norteamericano, de costa a costa e de norte a sur? Ou máis ben estamos falando dun libro que indaga sobre como viaxou a cultura ianqui por Gran Bretaña e por Europa entre toda unha xeración de escritores e lectores, con México, sempre México presente, como pano de fondo? Ou talvez sexa que todo é unha viaxe para quen convive cos espectros que deambulan en calquera lugar, coma todo é traballo para quen sabe da dureza, da tortura, de tratar coa materia? Vostedes verán e dirán…, se queren.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *