O mestre Rothko: empecemos pola cor

rotkho1Fidel Vidal. O 25 de febreiro de 1970 Mark Rothko apareceu morto no baño do seu taller, na rúa 69 do East Side de Manhattan. Atopouno o seu asistente Oliver Steindecker. Estaba tombado sobre un charco de sangue cos pulsos abertos por profundos cortes realizados cunha folla de afeitar. A autopsia demostrou ademais unha sobredose de fármacos. Polo visto, Rothko suicidouse asegurando ben a súa morte. Detrás deste tráxico falecemento -case unha forma, se me permiten a licenza, dun íntimo asasinato máis que dun suicidio-, hai un home extremadamente sensíbel e mirado pola educación dos seus alumnos en cuestións de arte. Porén penso que son de interese as ideas que ao respecto este singular representante do expresionismo abstracto da escola de Nova York, deixou anotadas e que, posteriormente, foron recollidas e traducidas ao español no libro Escritos sobre arte (1934-1969) (Paidós Estética, 2007). A primeira achega titúlase “Novos métodos de ensino para futuros artistas e amantes da arte.” O texto contén un anexo,“Cadernos de notas” (1934), e un puñado de cartas enviadas a distintas personalidades, entre as que cabe subliñar a Bernard J. Levin, un dos seus testamenteiros e suposto amigo que facía un dobre xogo ao ser tamén asesor e axente da galería Marlborough, e das que se amosan un par delas dirixidas a el. A estafa e os roubos descubertos despois pola xustiza, fixo que fosen relevados os administradores e declarado nulo o contrato asinado coa Malborough.

rothko-featured-828x445Rothko asegura que existe unha analoxía entre a arte dos cativos e as obras que ao longo da historia son recoñecidas como arte: “O neno utiliza os mesmos elementos básicos da linguaxe plástica que se poden atopar nas obras dos grandes mestres.” O expresionismo parécese moito á arte dos nenos. Supón un intento de revivir a frescura e a inxenuidade da visión infantil. “O cadro non é simplemente a súa cor, a súa forma ou a súa anécdota, senón que é una idea imbuída nunha entidade cuxo significado transcende calquera das súas partes.”

O criterio de Mark Rothko enraíza coa idea dunha natural espontaneidade dos cativos cara a expresión artística, sen pensar na posibilidade dunha liña vermella que os limite, tal como acontece co feito de camiñar e mesmo de falar. A pintura –di- é un idioma tan natural coma o canto ou a fala. “Igual que usamos a fala para falar, contar historias e escribir cartas, incluso cheas de sentido e de arte, non por iso ninguén pensa que ese medio de expresión depende dos coñecementos que teñamos de gramática, sintaxe, ou das regras da retórica.” Insiste: “O mesmo improvisamos melodías sen termos cultura da arte vocal ou da harmonía.”

rotkho2Traballou dúas décadas no Center Academy de Brooklyn impartindo clases a nenos e mozos. A maneira de actuar na escola estaba ligada ao sentido de liberdade. “A nosa máxima non é facer isto ou facer estoutro, senón preguntarlle ao neno que lle gustaría expresar e como podería expresalo. O resultado é a posta en marcha dunha actividade creativa constante na que o neno xera toda unha cosmoloxía infantil na que expresa un mundo infinitamente variado e cheo de emocións que emana dos seus gustos e das súas experiencias infantís.”

A función do profesor –explica Rothko- consiste en estimular e manter a emoción inicial dos propios cativos e suxerirlles solucións para superaren as dificultades e, sobre todo, inspirarlles sempre confianza no seu traballo, atendendo con sumo coidado o non impor normas que poidan inducir ao estancamento imaxinativo e caeren na repetición.

“A arte é do espírito.

Dentro da tradición académica hai que comezar co debuxo. Empecemos coa cor.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *