Castelao, Día da Arte Galega 2016

castelao1Pilar Sampedro. Pasou o día, transcorreu o ano. Un par de exposicións, un par de actos, un par de conferencias, … e para algúns ha de ser suficiente. O Día da Arte Galega nace na estela do Día das Letras Galegas, unha conmemoración que, pese a quen pese, conta xa cunha tradición que nos vai levando cada ano, a pesar de a quen se dedique; no adecuado ou non da  elección aumentan ou diminúen as celebracións, pero a nao vai soa. A Real Academia Galega (RAG), a escola, as institucións e asociacións, os concellos, os medios de comunicación, as editoriais,… tiran polo Día das Letras. Noutros casos, como o que agora nos ocupa, hai que traballar duro para conseguilo, se non nos conformamos con pouca repercusión.

Este ano, 2016 dedicóuselle a Castelao, unha figura para ser relanzada e calar forte no mundo galego, pero, o que vimos foi unicamente o papel do Museo de Pontevedra (cun par de exposicións), da Real Academia de Belas Artes (con algún acto arredor do día), da Deputación de Pontevedra  (na publicación dun par de unidades didácticas), da Fundación Castelao (nun par de conferencias), algúns actos do concello de Rianxo… e a noticia de que –de novo– se perde a casa de Castelao.

castelao2Como se pode ser tan desleigado? Como se pode odiar tanto o propio que se invisibilice a figura máis importante de noso?

Perdeuse unha oportunidade única… Que fixeron todas as institucións e asociacións?

Había un precedente, ademais das Letras Galegas, que era a proposta dun colexio da Mariña luguesa. Si, algo humilde, pero diso hai que aprender, da xente que vai construíndo desde abaixo, cos pés na realidade e disposta ao traballo de cada día. Eles, desde a biblioteca e a dirección do centro, propoñen o Día da Arte Galega na Escola, e acórdase celebralo en xuño, conmemorando o nacemento de Luís Seoane, e buscando un tempo no que a escola non estea saturada con outros eventos. Rematadas as Letras. Pero a RABA pensou en abril, ao que chegamos despois do Día do Teatro e de Poesía, que se conmemoran en marzo, con dúas datas que se fan donas dos días do Libro (o 23 de abril) e do Libro Infantil (o 2 de abril), mentres que xuño está libre. Tamén é certo que no 2016 coincidiu mal, xustamente con Manuel Mª, un astro rei no ceo do galego. Pero a pregunta segue en pé; como puido pasarnos isto? En mans de quen están as referencias do país?

castelao3Castelao coas súas Cousas de nenos, e deses amigos dos nenos, Cousas dos animais. Ese estudo histórico e antropolóxico agachado no humor gráfico. A etnografía do patrimonio artístico popular no estudo das cruces de pedra. A arte nas técnicas do óleo ou da acuarela; a arte galega na súa identidade de cores e formas. Os debuxos de negros para falarnos doutras culturas…. Só queda pensar que estará sempre en Galiza, todos os anos e os días. Haberá que volver a el sempre, como o fixeron Avilés de Taramancos, Novoneyra, e tantos outros traéndonolo á memoria en forma de ladaíña, ou do que sexa, porque nel está o perfume destilado do país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *