O motivo real dun suceso centenario

cans2Xerardo AgraFoxo. O asinante deste libro é o recoñecido mestre e historiador Manuel Mariño del Río, autor, entre outras, das seguintes obras: Naufraxios e accidentes no mar da Ría de Muros e Noia, Carpintería de Ribeira en Porto do Son, O peto de cartón, A industria derivada da pesca no Porto do Son ou Os petróglifos de Porto do Son.

Nesta última achega cultural presenta este libro, Os tráxicos sucesos en Cans (Nebra): 1916, relacionada coa revolta labrega sucedida o 12 de outubro de 1916 e que ocasionou a morte de cinco veciños da devandita parroquia.

Esta investigación histórica está dividida en cinco partes, vinculadas co nacemento do agrarismo en Porto do Son, os sucesos ocorridos noutros lugares de Galicia, os antecedentes da revolta, «un ano para esquecer», onde se conta o motivo real que provocou as protestas veciñais, e unhas conclusións finais, puntuais e clarificadoras, sobre o tráxico episodio do que agora se conmemora o seu centenario.

A obra está construída ao redor dos sinais de identidade que acompañan sempre as publicacións deste autor: informacións precisas, carácter divulgativo dos contidos e sentido didáctico da exposición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *