Anuario de Estudos do Barbanza nº 12, limiar

anuario2016X. Ricardo Losada. Levaba uns meses querendo escribir un artigo para o blog Café Barbantia e cada vez que me puña á tarefa experimentaba o bloqueo do escritor. Só souben a razón cando Xoán Pastor, o coordinador de Barbantia, me recordou que tiña que escribir este limiar. Era o lugar apropiado para ese artigo: Cando me falan de novas tecnoloxías da educación, recordo o método socrático baseado no diálogo e o método sofista baseado nos paradoxos e os sofismas. Sócrates considera que o diálogo é a forma máis viva do pensamento, pois nunca queda fixado, e sempre se pode modificar. Pero modificar en función da opinión argumentada do interlocutor, non de espurios intereses persoais. Trataríase de debater non para ter razón senón para que a túa razón e a do interlocutor acaden unha razón superior. A esencia da democracia, como vedes. Os sofistas, pola súa banda, intentan que os alumnos aprendan a convivir mentalmente con paradoxos, contradicións e sofismas, sen seguridades absolutas, para ter así unha mentalidade máis flexible e plástica, adaptable a circunstancias sempre cambiantes. É a esencia da tolerancia e a intelixencia moral, que só progresan no conflito interior nunca resolto, e o contrario da ideoloxía en sentido negativo, que diría Marx.

Non teremos nunca unha revolución digna de tal nome mentres a educación non asuma as novas tecnoloxías (si, novas: teñen 25 séculos pero nunca foron usadas) de Sócrates e dos sofistas. Que mundo tan distinto se os nenos fosen educados con eses principios, tanto na familia como na escola. Nada de berros. Nada de “porque o digo eu”. Nada de petar na mesa nas sobremesas familiares ou nas mesas das aulas. Nada de obrigalos desde que nacen a ser madridistas ou barcelonistas, conservadores ou progresistas, nocturnos ou diúrnos, consumistas ou marxinais, homes ou mulleres, divinos ou mortais. Nada de converter as túas ficcións de adulto en realidades inexorables para mentes en formación. Coas novas tecnoloxías deses filósofos, os políticos actuais terían que volver a primeiro de Educación Infantil, e os tertulianos televisivos, suicidarse. A educación socrática e sofista ten moito poder de transformación, pero non fai milagres. Iso só o prometen as vellas tecnoloxías medievais, esas que seguimos usando hoxe tanto na política como nas redes sociais. Cada vez que vexo un debate parlamentario (perdón, un debate en sede parlamentaria) ou en Twitter, recordo os vellos cregos do franquismo ameazándome co inferno se non fago o que eles din. De feito, despois de ver moitos debates parlamentarios en sede parlamentaria (así quedamos todos contentos), e as reaccións posteriores en Twitter, cheguei á conclusión de que só hai dúas posibilidades. A primeira, que os parlamentarios de sede parlamentaria crean o que din e, xa que logo, odien o rival político porque leva ou levaría o país á maior das catástrofes. A segunda, que non crean o que din e toda esa bile oral e corporal que despregan en sede parlamentaria sexa puro teatro. En apoio da primeira tese, direi que non constan matrimonios entre parlamentarios de sede parlamentaria de partidos contrarios. En apoio da segunda, que os propios parlamentarios de sede parlamentaria afirman que fóra de cámara lévanse mellor que diante.

Pois ben. Se eses cidadáns de sede parlamentaria cren realmente o que din, e se odian, propoño dilucidar as cuestións políticas mediante a violencia. Habería igual eleccións (para garantir o sistema democrático que todos din querer) pero non para dilucidar o número de parlamentarios en sede parlamentaria senón para dilucidar o número de guerreiros en sede guerreira (ata o nome lle vai que nin pintado cos fósiles dos disparos de Tejero no teito). Cada partido tomaría posesión dun flanco do Congreso, cos guerreiros fortemente armados, e cada vez que houbese que lexislar, aprobaríase aquela lei que decidise o primeiro Partido que, abríndose paso a tiros, puxese a súa bandeira na tribuna da sede guerreira. As novas eleccións convocaríanse cando a correlación de forzas guerreiras non representase os resultados electorais, é dicir, cando as baixas de guerreiros do goberno fosen moito máis elevadas que as baixas de guerreiros da oposición. Parece claro que así os guerreiros non disfrutarían de portas xiratorias pero, en vez de irse a grandes multinacionais ou de asegurarse a xubilación e os privilexios de ser un ex parlamentario de sede parlamentaria, terían a gloria eterna (Homero dixit) que corresponde ao rango de guerreiro. Ninguén recorda hoxe aquel Fouchet que na convulsa Francia do século XVIII foi un mago das portas xiratorias. Recordamos a ese Robespierre que se especializou en facer xirar pescozos.

No caso de que os cidadáns de sede parlamentaria non crean o que din, e fagan teatro, a solución só pode consistir en transmutar o Tánatos da proposta anterior no seu contrario, Eros. Tamén se conservarían, e pola mesma razón, as eleccións, pero en vez de escoller parlamentarios de sede parlamentaria, escolleriamos amantes de sede amatoria, obrigando a que as listas electorais tivesen cotas que asegurasen a presenza de representantes dos 50 tipos de xénero actualmente catalogados. Unha vez constituída a sede amatoria, cada vez que se quixese lexislar, convocaríase unha orxía colectiva en sede amatoria, asegurándose previamente de retirar cámaras, teléfonos móbiles, viagras masculinas e femininas, e demais vellas prematuras tecnoloxías. O partido que conseguise un maior número de orgasmos (hoxe temos novas tecnoloxías capaces de detectalos en ambos sexos) decidiría o contido da lei. Convocaríanse novas eleccións cando as afinidades amatorias dos membros da sede amatoria non calcasen a correlación de forzas políticas saída das anteriores eleccións. Con esta proposta tamén sairía gañando a clase amatoria. Ninguén recorda hoxe ningún presidente da Deputación de Pontevedra entre 1868 e 1965. Pero á Bella Otero recórdaa, e con cariño, todo o mundo.

Non vou dicir que con eses métodos as leis aprobadas fosen mellores que as aprobadas na actualidade. Pero garanto que tampouco serían peores. E gañaríamos algo moi importante nunha democracia. Respecto entre os rivais. Os bos guerreiros, por moi inimigos que sexan, admíranse polo seu valor e entrega. Os bos amantes, por moi inimigos que sexan (para ser bo amante hai que odiar a parella), respéctanse pola súa habilidade para crear amor no odio. E, en ambos casos, o pobo votaría con coñecemento de causa. En cuestións guerreiras e amatorias sabe tanto como o que máis.

Creo que é un artigo que necesita desenvolverse máis, e probablemente acabe escribindo un libro. Agora só quero botarlle un piropo (por desagravio comparativo) a esas persoas que dedican o seu tempo a escribir en sede anuaria ou, concretando máis, en sede barbantiá, colaboracións como as que agora estades a piques de ler. Persoas que saben que, independentemente do formato, libro de papel ou dixital, e de como lle manden a colaboración ao coordinador, por correo postal ou electrónico, o decisivo, se queremos que as novas tecnoloxías non se convertan en vellas prematuras, é saber dialogar co lector e crearlle paradoxos, contradicións e sofismas que el, por si mesmo, debe resolver.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Narrativa, X. Ricardo Losada. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Anuario de Estudos do Barbanza nº 12, limiar

  1. x. ricardo losada di:

    1- Hai tantas teorías sobre Sócrates… Probablemente non soubese escribir. Pero o que é indudable é o que ti tan acertadamente sinalas. Tiña un talante cínico, no sentido auténtico e transgresor desa palabra. Agora que vén o Nadal, a min gústame facer o mesmo. Ir ao Corte Inglés e dicir: Cantas cousas non necesito!
    2- Tomé de Aquino, que é santo, xa dicía que o bo de estar no ceo é ver como se queiman os pecadores no inferno. As guerras civís fanse con ese mesmo obxectivo.
    E os debates televisivos e twiteiros, o mesmo. Razonar é moi aburrido para a maioría da xente. E a Divina Comedia, demasiado esixente. Ten demasiado de divina e pouco de comedia.
    3-A aclaración final tranquilízame.
    Saúdos

  2. Magdalena di:

    ¿Era Sócrates el que no había dejado nada escrito, verdad ? hasta en eso quiso ser irónico, porque para no haberlo hecho, ¡ cuantas cosas sabemos de el ! claro, si su método era el diálogo… El boca a boca es el mejor método divulgativo. Aunque creo que su vida se conoce sobre todo a través de Platón . Algo he leído en un libro que me gustó mucho ” El mundo de Sofia ” Ahí contaba Jostein Gaarder que un día Sócrates se quedó parado delante de un puesto con un montón de artículos y dijo : – ” Cuántas cosas que no me hacen falta ” ( filosofía cínica ) no es así, profesor ?.
    Dices que cuando ves un debate te acuerdas de aquellos curas viejos del franquismo amenazándote con el infierno. En ” La Divina Comedia ” se habla de nueve círculos unos estaban más profundos que otros y según el pecado cometido así sería la distancia que lo separaba de Dios. Dicen que a partir de lo escrito por Dante, como eso favorecía a la Santa,Católica, y Apostólica, fue cuando se empezó a hablar del infierno. Antes no. No sé si esto es verdad, yo, soy creyente y practicante pero, lo del averno…mas bien no. pero a ti, para acabar voy a dedicare una máxima muy bonita. ” Lo mínimo que se le puede pedir a un ateo, es que haga de su filosofía, su profesión de fe “.
    Discúlpame si te digo una vez más que me ha gustado muchísimo tu artículo. Lo siento pero me sale del alma.
    Besiños palmeiráns.
    P.D. Me voy a la cama con Antón Riveiro Coello , ( quiero decir … con su libro )

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>