Ciberburka

burkaX. Ricardo Losada. Nunca fun partidario do control da cidadanía polo Estado, adoptase ese Estado a forma política que adoptase. Pero sempre me pareceu sospeitosa a histeria contra as cámaras de control nos aeroportos ou en barrios onde había problemas de delincuencia. Non digo que non haxa argumentos en contra (hainos, e consistentes), pero sempre me pareceu detectar unha sobreactuación nas persoas que se opuñan. Máis que argumentar sobre un tema polémico, o meu olfacto dicíame que estaban tratando de dar unha determinada imaxe de si mesmos. Era como se me dixesen: Claro, a ti non che importa que te graven porque levas unha vida anódina e aburrida, e es un tipo  asimilado polo sistema, pero eu, un revolucionario cunha vida alternativa e diverxente, teño dereito a que ninguén coñeza a que me dedico. Chegados a ese punto, como fago sempre que detecto que a argumentación esconde a vontade de poder ou o narcisismo do interlocutor, intento derivar a conversa a outros ámbitos máis fértiles.

     As novas tecnoloxías confirmaron as miñas sospeitas. Eses mesmos amigos contrarios á instalación de cámaras de control porque teñen dereito a unha vida privada, mesmo secreta, entran en Google, nas redes sociais, e en todo tipo de páxinas gratuítas (para o peto, non para a intimidade) de Internet, deixando rastros da súa vida privada, dos seus hábitos e costumes, dos seus pensamentos e ideas políticas ou relixiosas, da súa sexualidade e dos seus gustos literarios, musicais e consumistas. Datos que van parar aos Servizos de Seguridade norteamericanos, chineses, israelís, rusos… e ás grandes multinacionais. A partir deles, os gobernos saben quen é un potencial conspirador, e as multinacionais, un potencial consumidor. Xa ten nome: big data. Se unha análise xenética pode predicir as posibilidades de ter un cancro, unha análise de big data pode predicir, con máis certeza aínda, desde que partido imos votar ata que grupo musical nos gustará no futuro. Cada vez que entramos en internet, espimos a alma.

camara     O máis curioso é que eses amigos anti cámaras de control saben todo iso e seguen utilizando internet e todas as súas perversas aplicacións informáticas sen paranoia ningunha. É máis. Seguen estando en contra das cámaras nos centros da cidade ou nos aeroportos, e revólvense nos asentos cada vez que se propón a estudo poñer cámaras nos centros educativos (a min tampouco me parece boa idea, conste) para controlar o acoso escolar. Recórdanme aquilo que dicía Jardiel Poncela: “Suicidarse é subirse en marcha a un coche fúnebre”. Eu non estou a favor nin en contra en termos absolutos das cámaras de control nin do uso das novas tecnoloxías. Depende da dose, o coñecemento de causa e outras circunstancias, aínda que nunca das miñas circunstancias (psicolóxicas) persoais. Lubna Abidar, unha actriz marroquí que fixo de prostituta nunha película, tras ser agredida polos islamistas e insultada nas redes sociais, emigrou a París, onde saía á rúa con burka para que non a recoñecesen. Que paradoxo, dixo, sentirme protexida por un burka. Protexida por un burka paseando polas rúa da cidade. Paseando polas rúas de internet, non hai burka que valga.

3 comentarios en “Ciberburka

  1. OS anaquiños son a mellor forma de esconderse en internet e nas redes sociais. Só lles interesan extravagancias e solemnidades vacuas.
    Apertas

  2. Después de leer tu artículo se me han ido las ganas de asomarme (responder) a cualquier tipo de blog por interesante que resulte. Porque el caso es que tienes razón en lo que expones: cualquier pequeño desliz puede volverse en contra de los que utilizamos este medio de comunicación sin que podamos echar mano de un burka informático que nos proteja.
    Tratemos, pues, de no “desnudar el alma” más de lo necesario. Aunque –mirándolo bien- me considero dentro del grupo de personas anodinas, sin interés alguno para que una cámara oculta o un pirata cibernauta controle sus andanzas. Y también soy de las que piensan: “No las hagas y no las temas”.
    ¿Qué podríamos contar sino, los que carecemos de conocimientos filosóficos? “Anaquiños” de nuestras vivencias.
    Como de costumbre, se me cierra los ojos
    Saúdos e boas noites.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *