As penas e os días

traballoFidel Vidal. Unha sociedade que promove e enaltece a competencia como rivalidade e presume de caritativa, xamais pode ser xusta nin solidaria. Sexa como for, prima conquistar o primeiro lugar, ocupar o podio do campión. Non se admite un segundo, este pódese converter nunha traxedia. Todo o mundo loita por conseguir as mellores notas, por ser dos primeiros da lista para acceder a ese emprego anhelado. Ou se acaso a posibilidade de participar con vantaxes nun sorteo de oposicións para unha praza de funcionario, poñamos, nun Concello. Coa práctica destes pasados anos, a frustración no terreo laboral baixou de importancia como causa de ansiedade para se mudar en algo normal, consubstancial ao sistema, nunha especie de resignación cristiá manifestada con esta desesperanzadora frase: “É o que hai”.

Resulta de interese escoitar as queixas e sentimentos de culpa dalgúns empresarios ao atenderen as longas listas de peticións de persoas dispostas a pelexaren por unha ocupación, por un posto de traballo. Asómbranse dos currículos á vista -licenciados, doutores, un máster- amosados polos numerosos demandantes dun emprego de moito menor grao para o que están cualificados, cando eles, os patróns, apenas remataron o bacharelato ou non pasaron do graduado escolar. Coñecemos algún caso de non se atrever, por vergoña, a asistir ás entrevistas e por iso delegaba noutra persoa de confianza. Mais hainos que aproveitan a situación para humillaren o aspirante: “Tantos estudos para vaites porcallada de emprego”. Un dispendio. “O capitalismo estao salvando a clase obreira, incluso dispoñéndose a non ter traballo ou traballando en peores condicións ca un escravo“ (Manuel Vázquez Montalbán, A Rosa de Alexandría, 1984(!).

Esa é a forma de entrar, coa cabeza agachada ao que manden. É o que hai. Persíguenos o flaxelo e a abnegación. Os pais, para manteren os seus fillos e conseguir que poidan estudar unha carreira, non traballan: os pais sacrifícanse. Para que o labor a realizar conserve un chisco de autoridade ética, necesitan presentarse e lexitimarse en tanto que son vítimas da realidade. A filosofía que corresponde con esta idea -afirma Žižek-, é a de Rihard Rorty, cuxa definición do ser humano é alguén que pode sufrir e, dado que somos animais simbólicos, alguén capaz de narrar este sufrimento.

paroSen contar coas distorsións persoais derivadas da propia situación laboral, alienante, son frecuentes as consultas por ansiedade, insomnio, así como tendencias de tipo paranoide a consecuencia dunha relación inadecuada no ámbito do emprego, sexa este de tipo estresante, coma o sobreesforzo, ou ben de acoso -sexual, psicolóxico-, ou o temor a ser despedido –“regulado”-, que se acompaña dun plus de desacougo, malestar e dor. Este dobre sufrimento incapacita e pode levar o traballador a una baixa por enfermidade. Forman parte da clasificación e da curiosidade clínica os chamados trastornos de adaptación (ás condiciones de traballo). Como se o pé tivera que adaptarse ao zapato e non o zapato ao pé.

O traballador, cando enferma, non sae do sistema: adquire outro rol social, o de enfermo, certificado por un facultativo. É curioso asistir a determinados pacientes depresivos -abatidos, incluso con risco de morte por ideas de suicidio-, máis preocupados pola imaxe que poidan dar que polo propio padecemento: “Non vaian pensar que son un lacazán”. E desexarían padecer calquera outra patoloxía con tal de que esta fose evidente mediante documento analítico ou radiolóxico: unha fractura, unha hepatite, calquera operación. Ao evitaren problemas de conciencia, están salvados. Os padecementos psicopatolóxicos téñeno máis difícil. Como se botasen de menos o trasnoitado voluntarismo de esixírense, cando un está san e disposto, que non abonda con traballar senón que é preciso “traballar con alegría”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *