I.ria (Santos Rodríguez). A linguaxe da forma e da cor

iriaEme Cartea. A arte, consubstancial ao ser humano dende as máis afastadas cavernas, é un magnífico medio de expresión emocional e afectivo e, nas crianzas, fundamental «para o seu proceso mental, perceptivo e afectivo, a progresiva toma de consciencia persoal e social e para o seu desenvolvemento creador». A arte como revelación dun mundo que o neno/a percibe, sente e pensa, emocional, social e esteticamente, para o que inda carece de palabras idóneas. E para adentrarnos nese bosque de trazos e sensacións, citámonos con Iria Santos. R., unha artista adiantada á súa idade, que amosa aptitudes e xeitos plásticos agradablemente prometedores.

O proceso creador nos nenos é máis importante cá propia expresión e a beleza, e está intimamente ligado a cada personalidade individual. De aí a importancia de alentar con delicadeza e bo tino, como pais e docentes, a utilización activa dos cinco sentidos, dado que aprender non é acumular coñecementos senón saber utilizalos e establecer correspondencias.

Cada produción artística ten, grosso modo, unha idade. I.ria (así asina parte da súa obra), con 6 anos, está a vivir o chamado período de ouro da arte infantil, que se corresponde coa fase preesquemática, do «realismo intelectual», segundo G. Luquet; isto é, a dos inicios da comunicación gráfica e escrita, da forma «esencialmente realista de intención» que trata de representar os obxectos, recoñecibles e formalmente bastante elaborados, pero nos que a imaxinación e inventiva xogan inda un papel importante.

Xa con certo esquema, a artista plasma o que sabe e non o que ve, pois carece de perspectiva visual. Así, no debuxo vemos unha mestura de diferentes puntos de vista simultáneos: a mesa e as táboas do chan dende arriba, o floreiro dende arriba e en paralelo, e colocado en parte fóra da mesa; a margarida pousada é máis pequena inda que máis próxima ao espectador; as flores aparecen frontais… E como curiosidade, as tesoiras falsamente realistas. Pero todo adecuado a esta etapa creativa da infancia.

Preocúpalle a Iria máis a forma cá cor, que utiliza con escaso valor representativo. Sorprende o realismo das táboas do chan e a homoxeneidade da mesa fronte á arbitrariedade dos campos de cor do fondo en azul, verde, verde azulado e crema. Un recurso consciente e innovador que vemos en Van Gogh, Gauguin ou Matisse.

I.ria é unha nena enormemente imaxinativa, dona dunha linguaxe orixinal e creativa, de pensamento fluído, con gran madurez emocional, que fai ben certa a frase de Paul Klee: «A arte ten as súas orixes nos museos etnográficos e nas habitacións dos meniños nas nosas casas».

Xoguemos a profetas: para I.ria, o éxito e o futuro. E, para nós, o gozo da ollada. Amén.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *