Francisco Ant. Vidal Blanco. Xulio é republicano desde que tiña 7 anos. Botádelle a conta. Daquela aínda Franco pescaba salmóns de douscentos quilos. Aínda non chegara a monarquía que reina pero non goberna e xa el nadaba contra corrente. Contaba estoutro día que sempre lle caeron mal os Reis Magos, porque lle parecían uns seres inxustos e insolidarios, amigos dos ricos e indiferentes cos pobres. E se non o dicía claramente era por se as moscas, que sempre é máis forte a vinganza do poderoso co lamento dos subordinados. Aínda que el se esforzaba por todo aquilo que lle dicían na casa, o de ser bo, obedecer e cumprir cos deberes que lle poñían, os Reis nunca lían ó dereito a súa misiva tipo instancia, en que tras expoñer «como este ano fun moi bo», solicitaba non ser menos ca ninguén, e non lle traían o que pedía. Pero o que máis lle molestaba era que a pesar de que, seguindo o consello de súa nai, non era pedichón, para non acaparar, porque os Reis tiñan que ter regalos para todos os nenos e hai que ser solidario, ó Virulillas, que era un mal becho, sempre lle traían de todo e aínda galanos de sorpresa na casa dos pais, dos avós e dos tíos. Xulio pensaba, pero non o dicía, que os Reis eran inxustos. Así é que, se non fose pola comenencia, Xulio xa declararía o seu republicanismo antes dos sete anos. Un día, queixándose na casa de tal inxustiza, súa avoa, que sabía ameazar moi agudamente advertiuno de que esa falta de fe era un pecado que debía confesar inmediatamente.
Ese día Xulio, ademais de volverse republicano tamén aprendeu que ás veces é mellor facerse o parvo.
Agora, cinco décadas despois daquela tremenda revelación, e cando xa sabe que os Reis (todos) só son amigos dos ricos e fan alarde de bonhomía paroleira para engarguelar ós pobres, Xulio felicítanos o ano mandándonos a copia dunha hipotética carta ós Reis Magos para recordarnos que nunca traen o que se lles pide nin o que máis se precisa. É unha carta cargada de bos desexos, que só quedan niso, en bos desexos, porque a maioría deles tampouco se cumpren, tal ese de que a paz reine no mundo ou que a igualdade e a solidariedade nos rodee, para acabar recordando que todo se lograría se cada un puxésemos algo da nosa parte (monarcas incluídos), «Porque os Reis non existen»