2017. Corenta anos do Museo do Pobo Galego

museo
No inmoble está a orixinal escaleira feita por Domingo de Andrade

Pilar Sampedro. O museo privado máis grande de Galicia está a cumprir corenta anos. Iso é algo que debe aledarnos a todos os galegos porque o museo, aínda pertencendo aos seus socios, naceu co fin de representarnos a todos. A actual campaña publicitaria non podería dicilo de maneira máis clara: «Igual que os Thyssen, os Rosthschild ou os Guggenheim… temos un museo», a través das fotos de Tino Viz e, ao lado dunha peza do museo, afírmano os socios, dende unha nena que aínda non vai á escola á pedagoga Antía Cal, pasando por Fran Lorenzo e outros. Eles teñen un Museo ao que non lle poñen o seu apelido porque non é familiar, senón do pobo galego. Eles pagan para que sexa de todos e todas nós, unha verdadeira ONG, unha asociación sen ánimo de lucro, un empeño colectivo.

Na súa páxina explícasenos que o Museo do Pobo Galego foi creado cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. O museo «non só actúa de feito como referente e estímulo para a creación doutros museos e coleccións de carácter semellante en toda Galicia, senón que tamén pode ser considerado como a cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia» e, polo tanto, con competencia para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicas e privadas integradas no sistema galego de museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia, segundo recolle a Xunta nun decreto de 1993.
Superando localismos

Situado en Compostela, abrangue todo o país, superando localismos e atendendo á totalidade tal como se recolle no seu nome.

O museo está situado no antigo convento de San Domingos de Bonaval, un edificio do século XVII cedido polo concello. Nel está a escaleira máis orixinal que puidésemo imaxinar, da autoría de Domingo de Andrade, unha peza de arquitectura case imposible, con tres escalinatas de caracol que se envolven en si mesmas, onde podemos xogar a atoparnos e perdernos nunha especie de labirinto que ten moito que ver coa nosa forma de mirar e estar no mundo. As salas cos seus nomes: o mar, o agro, os oficios, as festas, a artesanía, a morte… sacan as raíces á vista.

Unha colección de obxectos e recreacións que falan do que foi a nosa historia e o que constitúe o noso presente. Os traballos e os días dun pobo; as arquitecturas e as figuras de pan de San Andrés de Teixido, deixándose envolver pola lingua e a cultura propias.

Unha biblioteca que quere lembrar a do Seminario de Estudos Galegos porque de aí nace, dos homes e mulleres da Xeración Nós e as Irmandades da Fala, desa maneira de estudar o que somos para situarnos no planeta á par dos outros.

Os depósitos patrimoniais de Bouza Brey, de Antón Fraguas, dos Baltar… aquí, onde teñen que estar, co pobo que os sustentou e lles deu vida, co pobo ao que eles lla dan.

Por iso, o Museo do Pobo Galego ten corenta anos pero segue medrando, continúa a facelo con cada persoa asociada que achega o seu granciño de millo no muíño común, con cada galego que pasa a formar parte desta sociedade de propietarios. Porque todos podemos ter… un museo.

Un comentario en “2017. Corenta anos do Museo do Pobo Galego

  1. Grazas Pilar, pola paixón que amosas. Mágoa que só se valore este museo. Así se debería tamén proceder cos outros, aínda que sexan máis humildes e promocionar este legado a todo o territorio galego. Gústame a proclama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *