A propósito da fuxida de Walser o día de Nadal (I)

ROBERT WALSER 4Gonzalo Trasbach. 25 de decembro do 1956. Teño sete anos e paso un feliz día de Nadal no pequeno territorio da miña aldea. Na mesma xornada, a miles de quilómetros de distancia e nunha mañá gris, dous rapaces, fillos de campesiños, atopan nun descampado nevado o corpo sen vida de Robert Walser. 25 de decembro do 2016, sesenta anos despois, sinto moito frío ao lembrar o escritor suízo que se tendeu na neve en pleno inverno para morrer de frío coma un neno, ese que non ten outra cousa que facer máis que pasear e soñar.

Naceu Robert Walser un 15 de abril de 1878 en Biel, cerca de Berna, e morreu o 25 de decembro de 1956 nas proximidades de Herisau, onde estaba internado no manicomio dende 1933. Catro antes, da man da súa irmá Lisa, ingresara na clínica psiquiátrica de Waldau (Berna), á idade de 51 anos, logo de sufrir reiterados episodios de alucinacións, terrores nocturnos e ataques de ansiedade. Unha vez que rematou os estudios de formación e de vivir durante sete anos en Berlín, onde conviviu durante unha longa tempada co seu irmán, o pintor Karl Walser, regresou a Suíza. Non tivo traballos estables e, polo tanto, nin oficio nin beneficio.

Aínda que nunca obtivo o recoñecemento da intelectualidade literaria do seu tempo, Walser legounos unha quincena de libros. En España, a editorial Siruela ten publicados, entre outros, Jacob von Gunten, El paseo, La rosa, Los hermanos Tanner, El ayudante, e os dous volumes de Escrito a lápiz: Microgramas I (1924-25) e Microgramas II (1926-27). Ademais editou Paseos con Robert Walser, de Carl Seelig, titor e amigo do escritor suízo, cuxa poesía editou Icaria, mentres Pre-textos deu á luz o magnífico Los cuadernos de Fritz Kocher.

Leo nunha páxina web latinoamericana que é un perigo dicir algo sobre Robert Walser. Pese a tal advertencia, decido dar a coñecer a información que xa tiña acumulado e ampliei nestes últimos meses sobre un home que sempre quixo fracasar, ser un absoluto cero á esquerda, unha idea abominable para o narcisismo rampante da nosa era. Mais sei que o aviso é serio. E non pode ser doutro xeito. Pois ocuparse dun escritor tan elusivo coma Walser, quen se resignou a vivir nun manicomio para darlle as costas ao mundo, vexetando nun cornecho ao modo de Hölderlin, non pode estar libre de perigos. robert 5Así pois, intentamos falar de alguén que sobresaíu na arte de pasar inadvertido e de agocharse nas catacumbas do indiferente, pero á quen tamén a súa escrita non lle permitiu coroar a obra mestra da súa invisibilidade.

Robert Walser pertence a esa rara estirpe de escritores que son máis coñecidos pola celebridade dos seus admiradores que pola relación coa súa obra. Encomiado por Musil, Bernhard e Benjamin. Apreciado por Kafka e Elías Canetti, nos últimos tempos semella estar na boca de case todos grazas ao entusiasmo de autores como Vila-Matas (Barcelona, 1948), un devoto walsariano que ten lembrado que foi o poeta Luis Izquierdo (Barcelona, 1936-2016) quen o introduciu en España hai máis de vinte anos. Este, segundo Vila-Matas, dixo nunha ocasión que Walser era <un corredor de fondo que, a punto de acadar a meta cobizada, párase, sorprendido, mira os mestres e condiscípulos, e abandona>.

Nun dos seus paseos con Carl Seelig, Walser pregúntalle ao seu titor e amigo: <Acaso un escritor de éxito non é, á súa maneira, un asasino?>. Sobre este asunto, o mesmo Vila-Matas comentou que, anos máis tarde, Canetti (Bulgaria, 1905-Zurich, 1994), grande admirador da obra do autor suízo, e que talvez descoñecía as palabras deste sobre o éxito e o asasinato, terminou por corroborar que o escritor de éxito acaba asasinando os verdadeiros escritores, a aqueles que foron máis puros ca el, e aos que dificilmente pode soportar, aínda que iso si, está disposto a veneralos no manicomio. Walser nin sequera quería iso. Só desexaba desaparecer. De feito, toda a súa obra é unha pura fuxida do éxito e mesmo da escrita.

Un comentario en “A propósito da fuxida de Walser o día de Nadal (I)

  1. Yo no recuerdo la Navidad de mis siete años Gonzalo, pero me la imagino también feliz rodeada de mis seres queridos en mi amada Palmeira. Tu lectura me hace pensar en los acontecimientos tan diferentes que ocurren en el mismo instante en diversos lugares y un estremecimiento recorre el cuerpo al imaginar que los momentos de dicha de una persona son los de desdicha para la otra.
    Considero que soy incapaz de responder a tu análisis sobre Robert Walser porque nada he leído sobre el mismo. Acabo de mirar en internet algo referente al escritor y veo que su obra es bastante extensa, incluso han adaptado sus obras a musicales y también al Séptimo Arte pese a que abandonó la escuela a los 14 años. Eso ya es meritorio.
    Sólo se me ocurre decirte que me recomiendes uno de sus libros. Veo que también tiene algo de poesía.
    Yo también he sentido frio al saber como ha sido su final, pero me ha reconfortado tu artículo.
    Un cariñiño cálido e afectuoso desde Palmeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *