A propósito da fuxida de Walser o día de Nadal (II)

jakob-von-gunten-robert-walser-trabalibrosGonzalo Trasbach. Cervexas no crepúsculo, despois das andainas. Prados, bosques, montañas, cigarritos… Estas son as pequenas cousas que facían feliz a un Walser que tamén sabía falar de política, literatura, música, arte… e que lle di a Seelig: <Que máis necesitamos que unha pradería, un bosque, e unhas cantas casas apracibles para estar contentos?… E moi agradable ver o mundo coma unha habitación en domingo>. Coma se fose a encarnación do protagonista do “El ayudante”, co seu amable temperamento, Seelig foi visitando a Walser e recollendo opinións que se converteron nun valiosísimo documento sobra a obra dese turbador cero á esquerda.

Mais, como son os personaxes, esas criaturas que poboan os relatos de Walser? Pensemos, por exemplo, no protagonista de “Jacob von Gunten”. O adolescente homónimo desta novela publicada no 1909, congratúlase de non poder descubrir <nada digno de consideración ou estima na miña persoa>. E logo engade: <E se algunha man, unha circunstancia, unha ola me levantase e levase até as alturas onde imperan o poder e a influenza>, el mesmo se encargaría de esnaquizar esas circunstancias para lanzarse ás <tebras do abaixo e insignificante>. <Só podo respirar nas rexións inferiores>, confesa. Así pois, polo universo walsariano pululan criaturas nómades, que gustan do vagabundeo, da fuxida constante, xa sexa das hospedaxes ou dos oficios, para  camiñar sen unha dirección definida polos barrios pobres das cidades, polos campos. <No feito de abrir unha porta hai máis vida que nunha pregunta>, di Jacob von Gunten. Dende o seu universo, eses seres observan o mundo con ollos inocentes, tal como é a prosa de Walser. As súas criaturas non necesitan buscar aventuras nin internarse en accións ostentosas. Teñen suficiente con permanecer atentas ás cousas miúdas que as rodean.

Unha galería móbil de seres ou sucesos ao parecer carentes de relevo desfilan fronte á mirada de Walser: paseos dominicais e excursións sen propósito, xornais estranxeiros, cartas, libros mediocres, animais, vagabundos, bandidos, cafeterías buliciosas, miradas que se cruzan por casualidade, amantes… walser1Aínda que traballou nun banco, chimpárono ao pouco tempo. Pero foi neste oficio onde conectou con outro personaxe emblemático da literatura: Bartleby. Coma o amanuense de Melville (1819-1891), el tamén prefire non facelo. De feito, a súa actividade preferida era pasear, e pese a estar encerrado no manicomio, onde nunca volveu escribir, sempre se lle permitiu, amén das andainas con Seelig, camiñar polos arredores.

Así pois, non é nada raro situar a Walser na mesma liñaxe de escribas na que se inscriben Bartleby, Simon Tanner e o príncipe Minskyn (“El idiota”, de Dostoievski). Coido que foi Deleuze (1925-1995) quen cualificou ao Bartleby coma unha criatura anxelical, adánica. Mais as creaturas walsarianas non semellan pertencer ao reino dos anxos. Ao contrario, máis ben parecen postadánicas: están estigmatizadas polo pecado orixinal. Por iso di Giorgio Agamben (Roma, 1942) que están posuídas polo seu carácter límbico.

2 comentarios en “A propósito da fuxida de Walser o día de Nadal (II)

  1. Yo también me siento feliz de encontrarme después de una placentera caminata con estos textos que tan exquisitamente elaboras Gonzalo y de los que Walser si pudiese leerlos se sentiría como en esa habitación de domingo, feliz y agradecido.
    Desde Palmeira, salud, amigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *