A propósito da fuxida de Walser o día de Nadal (III)

agambenGonzalo Trasbach. Como é sabido, o Limbo é o reino reservado aos nenos sen bautizar. É un espazo destinado para unha pena privativa, non de aflición: a perpetúa carencia da presenza de Deus. Os habitantes do Limbo non sofren, non experimentan dor por esta privación (a carencia é o meu sino, di nun verso do poema En la oficina). Neste senso, Agamben explica en La comunidad que viene (Pre-textos): <A pena máis grande –carencia da visión divina- envórcase na alegría natural: definitivamente perdidos, habitan sen dor no abandono divino>. E máis tarde engade: <Nin benaventurados coma os elixidos, nin desesperados coma os condenados, están cheos dunha alegría para sempre sen destinación>. Segundo o pensador italiano, esta natureza límbica é o segredo do mundo de Walser. De feito, as súas criaturas están irreparablemente extraviadas, pero nunha rexión máis aló da perdición e da salvación. <A súa nulidade, da que están tan orgullosos, é ante todo neutralidade respecto á salvación, a obxección máis radical que endexamais se ergueu contra da idea mesma de redención>, argumenta Agamben.

O filósofo romano indica que é diso de onde vén esa curiosa mestura de humildade e pillería que distingue a esencia dos personaxes walsarianos. E que de aí provén así mesmo a súa ambigüidade, polo cal toda relación con eles semella destinada a terminar no catre. O italiano conclúe a súa análise deste xeito: <Non se trata nin de Hybris pagán nin de timidez das  criaturas, senón sinxelamente dunha impasibilidade límbica fronte á xustiza divina>.  É aquí onde o italiano atopa unha semellanza entre Kafka e Walser. Xa que, segundo el, o que ambos fan valer contra da omnipotencia divina non é tanto a inocencia natural do ser calsexa, canto aquela inocencia natural da tentación: <O seu demo non é quen tenta, senón o ser infinitamente susceptible de ser tentado>.

walser3 neveNo mesmo libriño, pero máis adiante, no apartado “A propósito de Walser”, Agamben fai un comentario sobre a poesía do escritor suízo e di que é “poesía pura” porque <négase, no máis amplo sentido, a coñecer o ser de algo en canto algo>. É este un concepto que se podería elevar a paradigma da experiencia literaria. Aquí, a diferenza dos experimentos científicos, non incumbe á verificación ou falsación, senón que cuestiona o ser mesmo. Son experimentos sen verdade, pois neles non se trata da verdade.

Pé de foto: A quietude dos mortos. A luz pálida do mediodía ilumina o amplo branco lenzo do visible. Unhas pisadas guían a mirada ata un sombreiro negro caído sobre un encadre nevado. Un pouco máis adiante, xusto ao lado, o corpo tendido dun home vestido cun traxe escuro. O brazo esquerdo estirado na neve. O dereito, pegado sobre o costado cerca do corazón . A figura que xace tendida no campo nevado é a dun home que veneraba o inverno, coa súa lixeira e alegre danza de copos (como na escena de American beauty?)… O poeta morreu coma un neno que só anhelaba pasear, soñar cun mundo un pouco máis amable que o noso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *