A comida non se tira

comidaFrancisco Ant. Vidal Blanco. Vaise don Carnal e quedamos con dona Coresma. Vaise a festa e veñen as privacións. Adeus cocho, adeus vitela lamentaban noutro tempo, pero agora, ata os máis intransixentes seguidores da norma prohibitiva o toman con benevolencia. Onde van aquelas bulas que poucos podían pagar, cando o ácido úrico era a enfermidade do benestar mentres o resto dos mortais, precisamente neste mes das cacholadas, padecía de pulmonía, tise e cousas polo estilo.

A Coresma viña sendo algo así como un castigo imposto por andar de troula, coma cando de cativos chegabamos tarde da festa e ó día seguinte estabamos castigados por desobedientes. Hogano as cacholadas non teñen día, pero antano o clásico era que o martes marcase o límite das fartanzas, botábase toda a carne ó pote e a comida convertíase na figa contra a escaseza, aínda que o baño quedase baleiro. Aquela comida era o símbolo apotropaico da fartura, na medida do que cada quen puidese. Era un xantar de esconxuro. Máis ca unha cuestión de encherola, era de invocación do ben e de compartir. Cada máscara que aparecía pola casa recibía o seu aguinaldo de orellas, filloas ou melindres, e non darllo era mal agoiro. Non só había que encher o pote, se non tamén facer os doces de forte poder calórico, tanto para vencer ó frío propio do mes, como para resistir un longo día de troula. Porque tras a comida hai que correr o Entroido.

Aínda quedan lugares nos que esta celebración, cada vez máis desfigurada co engadido de motivos foráneos, celebra precisamente esa invocación da fartura. Os Volantes ribeiraos han de pisar os campos sementados tras a misa do domingo pois se non non nace o froito, díxome un deles despois de executar esas danzas de primaveral colorido, os Peliqueiros saúdan ós seus finados no camposanto, golpeando coas pelicas sobre a campa, e tamén ó finalizar a misa, cando a xente sae da igrexa recibe deles un ritual golpe, ó modo daqueles sacerdotes das Lupercais romanas, que tamén neste mes de febreiro golpeaban coas súas correas de coiro para invocar a fertilidade. Acaba pois este tempo que vén sendo como un invitatorio da fartura para sumirnos (desde a norma da Igrexa), nun tempo de xaxún e escaseza. Ás veces discutimos entre os amigos se a raíz desta imposición vén de que tras o Entroido se esgotaban as despensas, ou se se esgotaban as despensas porque logo había que facer xaxún. Como queira que sexa, o certo é que despois destes días tampouco hai froito nos campos.

E aínda que sobre comida, e sexa obrigado gardar os venres de vixilia nada é tan estrito hoxe en día. Aínda esta semana, despois de ter xantado na casa de mi tía o martes de Entroido, un abundante cocido que nos fixo para agasallar a todos os sobriños, visiteina o venres, na hora do xantar e tiña diante de si unha cunca de caldo, cos fermosos e avermellados ollos graxentos tal illas gorentosas. Fíxenlle ver, a ela, tan amiga de gardar os preceptos, que agora non se lembraba do venres de vixilia, cando de nenos non nos daba o bocata de salchichón de merenda en tales días, se quedabamos ó seu coidado; e sen apartar a cunca, entre cullerada e cullerada, deixoume claro o que ela entendía como a hipocrisía de tal prohibición, que mentres a fame asola ás tres cuartas partes do mundo, non ía ela tirar co caldo que quedou e que gaña en sabor con cada fervura, pois sempre foi pecado tirar coa comida.

Un comentario en “A comida non se tira

  1. Querido Francisco:
    La Cuaresma venció en la pelea a don Carnal, pero el retorno de don Carnal y don Amor vuelve a iniciar la era de los goces y el placer dejando a doña Cuaresma en el lado opuesto, o sea en las antípodas de nuestro sentido común.
    Yo también tomo ese caldo que gana sabor con cada hervor aunque sea un viernes de ayuno y abstinencia . La cuestión, es ser buena persona y a ser posible compartirlo cuando sea necesario hacerlo.
    Un abrazo desde Palmeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>