As perspectivas da idade

perspAntón Riveiro Coello. O outro día lin unha noticia que lle pechaba as portas á inmortalidade. O límite natural da vida seica está nos 120 anos. Así que haberá que preparar as maletas e aproveitar o tempo que nos queda. A medicina e a ciencia non van operar o milagre. O que procurarán será estender a saúde, máis que a vida. A lonxevidade gárdase da ciencia cos seus misterios e non nos queda outra que nos afacer á angustia e ao medo que produce a consciencia da morte. De calquera xeito, esa extensión da idade mudou o concepto da vellez drasticamente nas últimas décadas. Hoxe a ninguén se lle ocorre dicir que con cincuenta anos un é vello, aínda que noutras épocas a expectativa de vida non chegase a tanto. Mais dóenos recoñecer que xa non somos mozos. Sempre nos preguntamos por que un día, de súpeto, alguén nos chama señor ou nos trata de vostede, cargando sobre as nosas costas o peso dunha vellez incipiente para a que nunca cremos estar preparados. Negamos a evidencia. Vemos a xente da nosa mesma idade coma persoas vellas e, inocentemente, pensamos que eles non nos ven a nós igual. Pechamos os ollos cando a imaxe que nos devolve o espello xa se parece máis á dos nosos pais que á de nós mesmos. Con todo, a nosa relación coa idade ten diferentes perspectivas. Cando es neno ves vellos por todas as partes, e cando vas para vello esa percepción adáptase ao teu interese. A miña avoa materna, por exemplo, que morreu case centenaria, deixou de ler as necrolóxicas cando pasou dos oitenta anos porque as noticias xa non lle conviñan: os máis dos mortos que aparecían nas páxinas eran máis novos ca ela, que pertencía a unha familia lonxeva. Un seu avó chegou aos 106, fumando e lendo a prensa. E, dos sete irmáns, un contou os cen e os outros estiveron nas portas do século, agás unha irmá que, como dicían todos eles, lles morrera de nova aos oitenta anos.

tangaNon é doado aceptar a idade, e esta negación convértenos en seres ridículos cando queremos facer cousas que non se corresponden co noso reloxo biolóxico. Agora ben, hai perspectivas que ás veces animan, e moito, como a que me aconteceu a min, hai cousa de dous anos, cando a miña nai estaba ingresada no hospital de Ourense e me mandou a lle mercar unha braga. Na primeira mercería que atopei, a dependenta, unha muller duns setenta anos, preguntoume se quería un tanga. Fiquei un chisco sorprendido e con ganas de saber que demo vira en min para imaxinar que eu quería semellante prenda. Cando lle dixen que a braga era para a miña nai, ela preguntoume se era vella. Non souben que contestar e anuncieille que tiña 72 anos. “Ah! Daquela aínda é nova!”. A afirmación desta muller foi tan contundente que saín do negocio coa braga e a sensación de que, malia os cincuenta anos, eu aínda era un rapaz, iso si, con pinta de vicioso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *