Galicia e os galegos na poesía castelá LVI. Ánxel Johán e Ignacio Quintana

sonetosRomán Arén. Ánxel Johán (Lugo, 1901-Madrid, 1965) foi un destacado ilustrador da vangarda galega, sobre todo no campo da xilografía, de raíz expresionista, que colaborou en <Ronsel>, <Yunque> e <Guión>, ademais de pintor. Establecido en Canarias, pola súa profesión, dende 1929, fiel á causa republicana, estivo no cárcere de 1937 a 1942, foi depurado e mesmo estivo condenado a morte. Bo poeta en galego, editado por Manuel María (Sonetos de vida e morte, 1991), máis estimable aínda en castelán, lingua na que publicou catro plaquettes poéticas, que lle editou Juan Manuel Trujillo en Canarias. Tras un certo olvido, Claudio Rodríguez Fer compilou a súa obra castelá en Obras reunidas (1993) e mereceu unha interesante monografía e varios artigos sobre a súa obra. Cultivou tamén a crítica de arte en galego e castelán, fundou a colección Xistral en 1948 e colaborou en Grial, La Noche, Alba, El Pueblo Gallego e outras publicacións. Das súas plaquettes en castelán destacan Alba esencial (1944), La agonía junta (1946) e, sobre todo, Redondel sin salida (1944). esta última plaquette mereceu un soneto do poeta canario Ignacio Quintana Marrero (1909-1983), tamén xornalista, que editou en Alma serena (1965): “A Ángel Johan por el envío de sus sonetos Redondel sin salida”:

Aprisionar quisiste el sagitario/de tu verso redondo y con salida/en séptima cuadriga cuya brida/el galope regía grancanario.//Noventa y ocho crines con horario/de piafantes urgencias gritan vida/rebasando hipocampos en la ardida/y veloz producción del insulario.//Redondel sin salida y con secreto/de escapadas furtivas por la orilla/silenciosa del ánimo huidizo.//Tal es la condición de tu soneto:/que en círculo murado se encastilla/aunque tiene su puente levadizo.

arpaIgnacio Quintana era home do “Réxime”, pero iso non empeceu a súa amizade co republicano Ánxel Johán; Alma serena non é o seu mellor poemario, xa que recolle moitos poemas de ocasión e o ton é algo conceptuoso e retórico. En 1949 xa publicara Breviario lírico, pero as súas mellores obras apareceron en 1975, Nacido resplandor, e en 1979, Arpa de las islas. Non foi incluído por Sebastián de la Nuez na súa escolma Poesía Canaria 1940-1984. Antología (1986), pero este estudoso explica moi ben o movemento poético das Canarias da posguerra, onde foi importante o editor de Ánxel Johán, Juan Manuel Trujillo, fundador en 1943 da <Colección para 30 bibliófilos>, na que conviviron os poetas sociais e os “rehumanizados” (como A. Johán), pero foi tamén responsable dos <Cuadernos de Poesía y Crítica> (1946-47) con V. Doreste e Agustín Millares.

Ignacio Quintana pertence a unha fértil xeración de poetas canarios, entre os que destacaron Pedro García Cabrera (1905-1981), Chema Madera (1901-1980), Juan Ismael (1907-1981) e Emeterio Gutiérrez Albelo (1905-1969). Quintana Marrero si foi incluído por Ignacio Quintana en 96 poetas de las Islas Canarias (1970).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *