Antonio Piñeiro. Recordo, dalgunha biografía ou dalgún monográfico do período impresionista, aquela estampa do artista montando, tensando e imprimando os seus propios lenzos, envorcando o pigmento no morteiro para moelo, mesturando aceites de noz, de liñaza e o po coa espátula, meticulosa, paciente-mente, no transcurso das tardes e da luz fuxidía que andaba a procurar. Algún deles deixounos a lección de que todo pode ser aproveitable para o cadro, o mesmo que todas esas facetas son elos da creación. Contábame pola súa banda Eugenia, a directora da galería, que Belén Rodríguez segue niso, na vella usanza da arte que agroma dende a propia montaxe do bastidor e a preparación dos recursos polo propio artista. Decateime de que queda un recendo de horas tardegas, de rugosidades, de materia tratada, nestas obras da colección Alas. Coma se as andoriñas voasen no ceo crebado dun lenzo feito á man, no ar dun pergameo, e o seu voo adquirise xeitos de andel e eternidade que só o tratamento integral da obra de arte pode dar.
Meticulosidade estética
A metáfora das andoriñas (Familia) pareceume fermosísima, con ese aspecto de bosquexo, de estudo nun caderno de apuntes ao Leonardo, entre a forma e o movemento. Tamén as colaxes de tinta e papel, o Impresión II, delicadamente magnífico, e de gran potencia poética, que a mesma Belén incentiva coas pseudocaligrafías incluídas noutro dos da serie (Maruxiña dáme un bico), ao modo de estrofas sacadas doutro bloc de apuntamentos, para levalas ao cadro.