El intérprete del dolor, Jhumpa Lahiri

Interprete del dolor_135X220Xerardo AgraFoxo. Malia que naceu en Londres, pasou a mocidade en Rhode Island e, na actualidade, vive en Roma, Jhumpa Lahiri é unha escritora que sempre reflicte nas súas obras a orixe bengalí dos seus pais.  No ano 2000, cando só tiña 32 anos, gañou o Premio Pulitzer pola novela  El Intérprete del dolor. Así comezaba hai uns meses neste café unha recensión sobre La Hondonada, a última obra desta escritora que tamén publicara El Buen nombre (2006) e Tierra desacostumbrada (2008).

El intérprete del dolor, reeditado agora por Salamandra (2016), está formado por nove relatos escritos con elegancia e sinxeleza sobre os conflitos persoais duns seres cativados polos conflitos que arrastran.  Nove historias nas que esta autora relata, como nas anteriores obras, o contraste entre a vida occidental e o mundo hindú, pois os personaxes son sempre indios afincados en Estados Unidos. Todos co desexo de adaptarse, pero todos coa mente posta na súa terra. Unha idea abrolla na meirande parte destas páxinas: a busca da felicidade fronte a incomprensión que atopan nos demais.interp2 Baixo estas propostas, a India, ese pequeno continente, poboado por máis de mil milleiros de persoas de diferentes etnias e centos de deuses e idiomas, convértese nun xénero literario. Malia que o mellor conto  é o que lle dá titulo a obra –Interpreter of Maladies–, todos están tecidos cunha enerxía que recorda as obras doutros escritores indios de expresión inglesa, como Arundhati Roy (El dios de las pequeñas cosas), Amitav Ghosh (El Palacio de cristal) ou Vikram Set (Un buen partido).

Tras ler a Jhumpa Lahiri quedarás cativado para sempre pola profundidade da súa ollada. As súas páxinas nunca decepcionan. E esta ópera prima, menos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *