Cunchas sen desperdicio

cunchasFrancisco Ant. Vidal Blanco. Entre as moitas aplicacións das cunchas de vieira, están a de servir tanto para palmatoria coma para cunca. Lembrade aquel refrán recollido por Zamora Mosquera: «Os de Palmeira e Santa Uxía de Ribeira, beben o viño pola cunca da aviñeira». Pero sen dúbida, quen máis beneficio lle sacou foi a Santa Sé compostelá, que despois de aproveitarlle o de dentro para manxar dos seus señores, era usado o envoltorio como certificado de peregrinación.

As cunchas sempre tiveron un segundo uso despois de pasar pola ola ou pola tixola. Témolas visto metidas a modo de cuñas para asentar as pedras dos muros. Os pinches de ghaleses (a tapa da vieira) son unha marca de identidade nas Rías Baixas, como elemento protector contra as inclemencias do vendaval, logo substituídas por capas de brea, tellas, uralitas ou plásticos. E tampouco queda moi lonxe aquel tempo en que os camiños enlamados se «asfaltaban» con bivalvos, de berberecho ou mexillón, doados polas fábricas de conservas. O mesmo mexillón da raspa era un dos abonos máis usados nas fincas, din os entendidos que ademais de alimentar raíces corrixía a acidez do chan.

Os barriliños de ostras en escabeche que don Luciano Puga, o pai de Picadillo, recibía como galano do cura de Rianxo en cada Nadal, chegaban sen os anacarados estoxos, pero estou seguro de que o rianxeiro non ía tiralas e algún uso lles daría, como era pertinente antes da comercialización dos nitramóns, chapapotes, PVCs e outras sustancias que as relegasen á condición de materia de refugallo para encher vertedoiros.

A utilidade histórica das cunchas está demostrada, pero estes días soubemos que este produto, do que Galicia ten a sobrar, volve ser posto en valor pola universidade da Coruña para usalo como material de construción.

Polo de agora os experimentos limítanse tan só ó mexillón, unha materia prima propia e con cotas de produción moi superiores ás de outros países da nosa contorna, pero a pesares de que xa se probou nalgunha construción recente non podemos cantar vitoria, porque os investigadores aínda as teñen en estudio. Mais son moitas as esperanzas depositadas nelas, porque no peor dos casos, se non valesen para facer paredes, poden servir para recebar tabiques. Como queira que sexa, nas probas levadas a cabo ata o momento, e a falta de comprobar os efectos a largo tempo, a resistencia ás inclemencias e a súa duración, os resultados van por bo camiño.

Claro que non van ser como aqueles pinches de galeses (prefiro a gheada) que deixan a cuncha á vista, senón que pasarán por un proceso de modificación, triturándoas para mesturar con algún tipo de arxila ou cal, pero no que elas serán o elemento principal, nunha alta porcentaxe, substituíndo á area dos morteiros. Pola miña parte agardo que se superen con éxito tanto as probas de viabilidade como de fiabilidade, as de resistencia e as de rendemento económico. E á vista dos moitos pinches de galeses con máis de cen anos que se manteñen en perfecto estado, protexendo e engalanando as casas tradicionais, non hai razón para o pesimismo. De momento xa é un logro comprobar que nas mentes da universidade entra en estudio un produto tan noso como os mexillóns, que de aproveitarse na súa totalidade, aumentará tanto o seu valor engadido coma o de sustentabilidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *