Libro das abandonadas (II), de X.L. Franco Grande

Foto: La Voz de Galicia

X. Ricardo Losada. Como as mulleres da terceira parte do libro, Marylin foi, sobre todo (que outra cousa podía ser co que levamos dito), unha amante apaixonada e abandonada, tal e como o foron Gaspara Stampa e a monxa portuguesa Mariana Alcoforado. É aquí onde Franco Grande homenaxea, como el mesmo di no limiar, “a todas as abandonadas que neste país, infelizmente, houbo e hai”. Aínda que para moitas, recoñece, esa homenaxe chega tarde. E nun momento tan delicado e con tantas susceptibilidades e feridas abertas pola violencia de xénero, o poeta non prega o seu humanismo a un populismo sentimental. Aborda o tema coa mesma honradez poética que domina o libro, unha honradez máis próxima ao paradoxal que ao sociolóxico, ao auténtico que ao moralizante. O poeta non escribe desde un Observatorio de tecnócratas obsesionados con encaixar o corazón humano nunha angosta teoría científico-social, escribe desde a intimidade da alma humana. O amante abandonouna, ela non comprende esa humillación, arrepíntese de darlle unha confianza que non merecía, pero: “Eu non renego agora da paixón / Que me embazou a mente e os sentidos, / Porque ela me ensinou e me mostrou / Recunchos de min mesma”. Ou: “De non poder deixar de amar a quen / Tan cruel comigo foi / Nin de querer tampouco refugalo”. O poeta sabe que nas amantes abandonadas o amor vive entre o desexo e o esquezo, e que ese desexo pode combaterse pero non vencerse. Así como nas dúas primeiras partes do libro sombra e esperanza loitan na palestra do mar, nesta terceira só comparece a sombra: “Pola paixón que rebordaba en min / E que foi a única verdade que houbo / Por mor daquela farsa –e vou salvala.”

voz 2Era fácil que Franco Grande caese neste libro na tentación, tan habitual nos últimos tempos, de escribir para renderse ante as mulleres ou para intentar reconfortalas ou, peor aínda, para que se sintan mellor do que realmente son. Nada máis lonxe das súas intencións. O Libro das abandonadas é un libro excepcional porque usa unha linguaxe precisa e clara, de gran rigor abstracto e metafórico, sabiamente combinados, para buscar o que todo gran poeta debe buscar. Un coñecemento máis profundo do mundo, en concreto, neste caso, das mulleres que o destino abandonou, pero que non por iso perderon a dignidade nin, moito menos, a intelixencia. E a proba máis evidente de que o consegue é a xoia que nos ofrece o editor. Un libro cadrado encadernado con tapa dura e metido nun fermoso estoxo negro. A edición deste libro (comprobádeo na páxina web de Teófilo Edicións) é a mellor crítica literaria que se lle pode facer. Nos tempos que corren para a poesía galega, só un editor convencido da enorme valía deste libro pode darlle un tratamento que é un auténtico luxo para o poeta e o lector, para o libro e a lectura, e para toda a literatura galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *