Kaurismäki e Viana do Castelo

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

Inés Otero. Contan, non sei se será certo, que cando este director finés decidiu abandonar hai 25 anos o seu país despregou un mapa de Europa na mesa da súa cociña. E buscou un lugar axeitado onde residir porque “Finlandia é un cemiterio”, ademais do maior consu-midor do mundo de psicofármacos. Un lugar que debía reunir tres condicións básicas: que estivese o máis afastado posible de Helsinqui, que non houbese ao seu carón praias soleadas onde puidesen veranear os seus compatriotas e, ademais, que fose un país que programase nos cines películas en versión orixinal. Tamén se conta que nese lugar debía ter unhas boas adegas de viño branco. Con estas premisas, instalouse en Viana do Castelo. Así, este afamado director, que nunca asiste aos festivais de cine, converteuse co paso do tempo nun seareiro do F.C. Porto.

Un amigo meu, algo raro e maniático, viaxa con frecuencia a Viana do Castelo. Un día confesoume que atravesaba a raia por uns motivos ben diferentes aos de Kaurismäki. Mellor dito, desprazábase levando no seu caletre unha soa teima, tan curiosa como literaria: mercar na Livraría Bertrand libros de Relógio D´Água Editora. No último desprazamento conseguira, entre outras, dúas obras cunhas portadas tan relucentes que, segundo me dixo, convidaban a degustalas coma se fosen un viño branco do Baixo Miño: O monte dos vendavais e Mataran a Cotovía.

Sabedes de que libros me estaba a falar?

Un comentario en “Kaurismäki e Viana do Castelo

  1. Estimada Inés, recordaraslle ao noso raro e maniático amigo o seu compromiso de avisarme a próxima vez que se achegue até Viana.
    Unha aperta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *