Mística da tebra e do baleiro

mística1Fidel Vidal. A vida mística comeza por evacuar da conciencia a pluralidade de obxectos que hai nela permitindo así o normal movemento da atención. Para Ortega y Gasset, en san Juan de la Cruz o punto de partida para todo avance ulterior é “a casa sosegada”. Sosegada de que? Aliviada do desacougo. Non hai arroubo místico sen previo baleiro da mente. Por isto mandaba Deus -di frei Juan-, que o altar onde se farían os sacrificios estivese “de dentro baleiro”, “para que entenda a alma canto libre a quere Deus de todas as cousas”. Ou con palabras máis fermosas: “Yo no guardo ganado”, isto é, non me entretén ningunha preocupación.

Mais como se baldeira unha mente? Desde fóra cun “lavado de cerebro”, ou desde un mesmo, desde dentro, cun acto volitivo, cun esforzo do propio Eu (Ego). Un ego na loita por se esquecer dos mandados do Superego e das pulsións do Iso (Id, Ello). En suma, un Eu consciente que intenta despistar e afastarse do mundo exterior e das preocupacións interiorizadas derivadas do mesmo. Daquela o Inconsciente, sobre o que se construíu o Consciente, ou o Iso sobre o que se elaborou o Eu e o Superego, tornará para se facer cargo, inconscientemente, do asunto. Quer dicir, de nada e da nada.

É tan forte este individualismo, afirma Unamuno, “que se san Juan de la Cruz quere baleirarse por completo, busca esta nada para o alcanzar de todo, para que Deus e todo con Él sexa seu”. No fondo está a pedir un baldeiro limpo de calquera substancia, un ser insubstancial. “Quedando no puro coiro e pobreza de espírito, despois a alma sinxela e pura transformaríase na sinxela e pura Sabedoría divina…; que Deus non deixa baldeiro sen o encher.”

mistica2Encher a alma de que? De sabedoría, de Sabedoría divina, non sen antes ser alma namorada. Só a alma namorada ten opcións a ser enchida, mais enchida de amor. Talvez sexa ese, o saber de amor, o verdadeiro saber. Saborear amor como saber, un saber sen palabras que o saiban dicir na súa completa apreciación e sen erros. Un saber exclusivamente sensitivo e afectivo. Un saber de emocións, sen substancia, plasmado en imaxes poéticas para achegármonos a el. Mais o saber sen substancia non participa da materia que o colme, o saber sen substancia é un saber de gozo, incapaz de saciarse. San Paulo: “Non teñen nada e posúeno todo.”

A mística de san Juan de la Cruz é a mística da “fe baleira” e da pura submisión a quen ensina o dogma. Submisión ao mestre, non á lección que nos aprende. Unha vez que a mente se evacuou de todas as cousas, o místico asegura atoparse diante e cheo de Deus, é dicir, que Deus “consiste xustamente nese baleiro”, afirma Ortega. O mestre Eckhart fala do “silente deserto de Deus”, e san Juan de la Cruz da “noche oscura del alma”. Unha noite escura e así e todo, chea de luz; tan chea de luz -incide Ortega en Defensa do teólogo fronte ao místico-, que de puro haber só luz, a luz non tropeza con nada e é tebra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *