Hendrix: Are You Experienced?

Are_You_Experienced_-_US_cover-editGonzalo Trasbach. Despois de pór a súa fabulosa técnica guitarrística ao servizo do talento de xentes coma King Curtis, Little Richard, B.B. King, Sam Cooke, Isley Brothers, Ike&Tina Turner, Curtis Knight e os Famous Flames de James Brown, James Marshal Hendrix (Seattle, 27/11/1942-Londres, 1970), a quen o seu mananger Chas Chandler, baixista de The Animals, rebautizou coma Jimi Hendrix, viaxou a Londres, onde atopou a súa lanzadeira musical definitiva. A elite británica do blues rock, con guitarristas xa convertidos en estrelas coma Eric Clapton, Jimy Page e Jeff Beck, convulsionouse coa súa aparición na escena. E nada puideron facer diante da irrupción da opera prima do norteamericano: “Are You Experienced?”, álbum que saíu á rúa un doce de maio de 1967. Falamos entón da quinta gran obra que alumeou aquela fabulosa colleita de fai medio século, que revolucionou o mundo roqueiro cos seus inflamados riffs guitarreiros.

Durante unha longa tempada, Hendrix foi a exótica figura do Swinging London. Isto propiciou que case todas as damas da noite londiniense, ansiosas de novas e reconfortantes experiencias o visitaran nos seus camerinos (din que a mesma Marianne Faithfull amosouse intrigada pola súa figura). Ao fronte da súa Experience, con Noel Redding (baixo) e Mitch Mitchell (batería), tamén se converteu nunha star en USA logo da súa grandiosa e incendiaria actuación no festival de Monterrey no verán dese mesmo ano. En 1968, Hendrix lanzou “Electric LadyLand” e levantouse unha fenomenal polémica por mor da súa portada, a cal poboaban 19 mulleres en pelota picada. Entre nós, nin sequera apareceu. Noutros moitos países publicouse cun deseño novo. Logo veu un etapa na que coñeceu o éxito, un triunfo que o músico non foi quen de xestionar do mellor xeito e tralo o cal deveu a caída na estación da depresión, a cal culminou a noite do 18 de setembro de 1970, cando se tomou unha sobredose de pílulas que o conduciron até un hospital de Londres, onde ingresou practicamente sen vida.

are2“Are You Experienced?” é o primeiro manifesto musical de grande alcance de Jimi Hendrix. Editado o 12 de maio do 1967 con dúas portadas diferentes (unha para edición inglesa e outra para a norteamericana), o disco, contra do que pensan moitos dos seus narcisistas imitadores, non é o resultado don virtuoso guitarrista, senón unha aposta subversiva que brilla polo uso rompedor do instrumento con respecto ao que dominaba ata entón na escena do rock. O título é bastante esclarecedor: estamos diante dunha travesía incerta, pero dende logo nunca diante dun paseo compracente en barco pola ría en calma. Máis aló das virguerías dactilares sobre o mastro, Hendrix expón un inquietante cesto de cancións construídas sobre un vigor e unha angustia interiores nas que conta coa colaboración de dous compañeiros totalmente entregados á cerimonia chamánica.

Foxy Lady, Maniac Depression, May This Be Love ou Fire teñen nervio e unha salvaxe fereza urbana na que tamén alentan suspiros de altura espiritual. O repertorio enteiro está cociñado nunha casola de rock and roll, blues e soul que a produción de Chandler adorna con cores de psicodelia, cores escintilantes nos máis de seis minuto que dura Third Stone From the Sun. Sobre esta paisaxe, Hendrix parafrasea con voz robusta historias mundanas e impetuosas como se pode apreciar en Hihway Chile ou na crítica á institución matrimonial de 51st Anniversary. É pois o disco faro da traxectoria de Hedrix cuxa cima definitiva será o dobre álbum “Electric LadyLand”. Nas reedicións dos noventa e posteriores, “Are You Experienced?” contén os tres poderosos hits do norteamericano: Hey Joe, Purple Haze e The Wind Cries Mary.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *