A literatura infantil e Edward Hopper

Imaxe 1Pilar Sampedro. Se nolo dixesen pensariamos que era un erro, porque… que pode ter que ver esta literatura con artistas tan afastados e con duras imaxes que falan da imposibilidade da comunicación?Un libro, Avións de papel; un autor Xavier Estévez; un ilustrador Marcos Viso, que acompaña a narración con imaxes que se aproximan á banda deseñada escollendo unhas tonalidades que priorizan o verde azulado e o amarelo crema; un pintor, Hopper, que dá o seu nome ao grafiteiro que vai iluminando a cidade con agasallos para todos e todas as que a viven.

Aparece o pintor americano, fálasenos del coma do representante do soidade e do silencio, dos personaxes que, aínda rodeados de xente, seguen sós, situados en espazos que ao tempo son reais e metafísicos, próximos e alleos; figuras que miran cara a dentro ou á nada, e ás que semellan acompañar unicamente os libros. Os libros, quizás son eles o punto de conexión, pero tamén a soidade dos protagonistas inmersos nun mundo onde só de vez en cando se consegue facer amigos, dos de verdade.

Imaxe 2Así, Hopper, que foi punto de partida doutros cadros e esculturas, porta ao cine e á música, achégase a estas terras e a este lectorado para falar dunha historia: a de dous nenos solitarios que len, escriben e pintan. Dous nenos que loitan por superar os seus problemas, e algún adulto que está aí, ao lado, sosténdoos, atentos ás súas necesidades e dispostos a xogarse o todo polo todo para facer do mundo un lugar mellor. Un personaxe, a mestra Lara, unha das imprescindibles, desas mulleres que son a esencia dos movementos de renovación pedagóxica porque transforman a escola en algo real e creativo; alguén que non ten obriga de ir tan lonxe pero irá máis alá, ata onde os soños a leven.

Ese poder evocador das imaxes de Hopper que semellan deter o tempo. Esa maneira de presentarnos situacións como secuencias, que nos darían pé a escribir os seus relatos. Esta historia que achega esperanza, porque un pequeno xesto é o comezo dunha morea de cambios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *