1917

pondalMiguel Mariño. Ano duro para a literatura galega o de 1917, no que desaparece a derradeira gran figura do Rexurdimento, Eduardo Pondal, o autor de Queixumes dos pinos (1886), que deixaba sen editar Os Eoas, o poema épico que Galicia non editaría ata moitos anos despois. Un poeta no que confluían as raíces prerrománticas do “falso” Ossian, os inicios románticos, o coidado da forma propia do Parnasianismo e moitos riscos simbolistas, para configurar unha voz personalísima, complexa e visionaria. Este ano do centenario da súa morte é unha grande ocasión para volver sobre un dos nosos grandes clásicos. O xornal <La Voz de Galicia> puxo á venda, por un prezo simbólico, a edición facsímile de Queixumes dos pinos, o <Boletín> último da RAG contén varios traballos interesantes sobre Pondal e ata a ONCE lle dedicou o cupón do 9 de marzo. Pero o que hai que facer é volver sobre a súa obra, esa chamada á liberdade, á dignidade e ao amor a Galicia.

Non foi, en 1917, a única perda da literatura galega a de Pondal, pois nese ano falecía tamén Xesús Rodríguez López, un autor de raíz costumista pero importante na historia da nosa literatura pola comedia O chufón, pola novela A cruz de salgueiro (1893 e 1899) e pola poesía narrativa de Cousas de mulleres. Todos os xéneros teñen os seus límites, pero non podemos desestimar a achega de Rodríguez López ás nosas letras, sobre todo, no eido da novela, no que foi un pioneiro. É fácil acercarse á súa obra pois as súas tres obras maiores están reeditadas.

manuelTamén en 1917 falecía outro poeta, Manuel Núñez González, o autor de Salaios, reeditada polo Centro Ramón Piñeiro. É, con Barcia, o poeta galego máis influído a fins do XIX pola Rosalía de Follas Novas. Lonxe do orixinal, é, con todo, un bo poeta, con bo dominio formal e métrica variada, digno de ser lido.

Pero 1917 é tamén, nas letras irmás, o ano da publicación de Húmus, de Rafael Brandao (1867-1930), a obra expresionista por excelencia das letras portuguesas. Unha obra de gran modernidade, organizada en fragmentos, arredor da dor humana, que amosa os grandes temas: o ben, a culpa, os remorsos, o mal, a ausencia de Deus, a inquietude do home… Na obra está moi presente, asemade, o onírico, o asombro, a alucinación visionaria. Un clásico vivo.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Miguel Mariño, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>