Queremos tanto a Carlos

CarlosAntón Riveiro Coello. Si, a frase de Cortázar ben podería valer para Casares, mais desta volta é para outro homónimo del, tamén escritor, que vén de nos deixar na Pobra do Caramiñal á mesma idade do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas. Con Carlos Mosteiro volvemos morrer todos un pouco, porque se nos vai non só un autor cunha obra interesante no eido da literatura infantil senón tamén unha persoa excelente á que todos queriamos dun xeito unánime. Non vou negar que a nova caeu sobre min coma unha lousa fría, pero prefiro conducir toda a dor cara unha vía narrativa e soster a Carlos na ficción para lle agradecer as moitas cousas que nos deu e, se é posible, eternizalo un pouco máis nas palabras.

Carlos Mosteiro era o home tranquilo que nunca perdía o acougo, nin tan sequera cando lle daban algún premio importante coma O Barco de Vapor. Todo nel suxería paz, unha lentitude que aplicaba á literatura e que axiña convocaba a bondade, porque o seu era un corazón hospitalario no que cabiamos todos. Entre os moitos e bos escritores que teño coñecido, nunca atopei unha persoa tan boa e xenerosa coma el. Será difícil esquecer o pracer distraído deste home de modais suaves e educados que amaba os libros e era capaz de te seducir con palabras revestidas de ironía e afecto. A fascinación de Carlos estaba nese seu pesimismo amable, cargado de melancolía, ao que se lle engadía esa ollada tamén lenta coa que, máis que mirar, ofrecía un aloumiño.

A perda é grande, pero fica a súa obra e o alto exemplo humano. E se o seu homónimo celebrado este ano dicía, coma moitos outros autores, que escribía para que o quixesen máis, Carlos Mosteiro non precisaba da literatura porque xa eramos moitos os que o queriamos tanto. E, por suposto, nunca o esqueceremos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *